A Xunta investirá case 46 M€ en formar máis de 2.000 persoas desocupadas con máis dun cento de obradoiros e programas de emprego entre 2024 e 2025

A Xunta investirá case 46 M€ en formar máis de 2.000 persoas desocupadas con máis dun cento de obradoiros e programas de emprego entre 2024 e 2025

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o desenvolvemento de obradoiros duais (máis de 39,1 millóns de euros), mentres mañá sairá a de programas mixtos de formación e emprego dirixidos a persoas mozas (case 6,6 millóns).

  • No caso dos obradoiros duais, prevese beneficiar 1.820 persoas sen emprego a través da realización de 91 accións por parte de concellos ou doutras entidades.
  • Canto aos programas para menores de 30 anos, a previsión é beneficiar 240 persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil a través de 15 actuacións.
  • O obxectivo é ofrecer unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade, mellorando as oportunidades laborais dos participantes a través da realización de melloras en infraestruturas locais ou de servizos de interese xeral.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica entre hoxe e mañá dúas novas convocatorias da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade por un importe global próximo aos 46 millóns de euros no período 2024-2025 para a celebración de máis dun cento de obradoiros e programas de emprego dos que se poderán beneficiar máis de 2.000 persoas sen traballo, coa conseguinte mellora das súas oportunidades laborais.

En concreto, hoxe publícase a orde que con máis de 39,1 millóns prevé beneficiar unhas 1.820 persoas a través da realización de 91 obradoiros duais, mentres mañá sairá a concibida para que uns 240 menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil poidan acceder a 15 programas de emprego cun investimento próximo aos 6,6 millóns.

Estas accións perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

A Xunta de Galicia encargarase, en ambas convocatorias, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Obradoiros duais

Os obradoiros duais, con data prevista de inicio o 1 de xullo de 2024, poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. Terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde mañá ata o vindeiro 22 de marzo.

Nesta nova convocatoria, ofreceranse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna, coa previsión de chegar a un 3% máis de beneficiarios.  

O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta. 

A convocatoria porá o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, nas aldeas modelo ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera. Tamén obterán máis valoración as propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura.

Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

Programas mixtos de formación e emprego dirixidos a persoas mozas

No relativo á outra convocatoria, trátase de programas públicos de emprego-formación cofinanciados pola Unión Europea que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas -menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil- mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social que lles posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación recibida, favoreza a súa inserción no mercado de traballo.

A duración dos programas -combinando a formación coa realización dun traballo remunerado- será de 12 meses. Poden ser promovidos por concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados, resultantes de fusión e os que teñan condición de concellos emprendedores. Tamén primarán os proxectos relacionados coas TIC, coa economía dixital, co tecido empresarial e coa posibilidade de inserción.

Neste caso, as entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde este sábado 24 de febreiro ata o 25 de marzo.