A Xunta inviste este ano 1,4 M€ en 375 axudas para apoiar o emprego autónomo, o emprendemento e a contratación nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A Xunta inviste este ano 1,4 M€ en 375 axudas para apoiar o emprego autónomo, o emprendemento e a contratación nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

  • A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor este investimento durante un encontro coa encargada de Canido Veterinarios, unha das firmas beneficiarias do Plan Galicia Emprega.
  • Un total de 145 autónomos recibiron axudas do Goberno galego para apoiar o inicio da súa actividade e outros 188 para consolidar a súa iniciativa empresarial.

     

A Xunta apoia este ano con 1,4 M€ (375 axudas) o emprego autónomo, o emprendemento e a contratación nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través de diferentes liñas de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá un encontro coa encargada de Canido Veterinarios, Carmen Rodríguez, unha das firmas beneficiarias na comarca do Plan Galicia Emprega co que o Goberno galego pretende impulsar a formación e a contratación de mulleres, persoas paradas de longa duración, mozos e mozas, persoas discapacitadas e en risco de exclusión social.

Segundo explicou a delegada, a finalidade desta convocatoria que contou cun orzamento global de 10,5 M€, “é a de apoiar o traballo naqueles colectivos con máis dificultades para atopar un emprego”. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal repartíronse 34 axudas por un importe próximo aos 440.000 euros.

Aneiros informou ademais de que, a través do programa para a contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, a Xunta concedeu outros 46.000 euros en axudas a 5 beneficiarios de Ferrol e Narón. “A finalidade desta orde é a de favorecer a creación de novos empregos estables e de contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as autónomas e autónomos fagan fronte á contratación de traballadores”, explicou a delegada territorial.

Nova convocatoria para emprendedores

Martina Aneiros puxo en valor tamén unha nova liña de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinada a apoiar o emprendemento que beneficiou con preto de 80.000 euros a cinco firmas das comarcas de Ferrol e Eume.

Estes apoios autonómicos estiveron dirixidos a diferentes colectivos (pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades mercantís ou laborais e empresas vinculadas á economía social). Esta convocatoria coa que o Goberno galego financia investimentos e impulsa o emprego en iniciativas emprendedoras cunha antigüidade máxima de 42 meses, mobilizou arredor de 10,7 M€ en toda Galicia.

Apoio ao traballo autónomo

A delegada territorial informou ademais de que nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 145 autónomos recibiron axudas para apoiar o inicio da súa actividade por un importe de 576.500 euros a través do programa Xempre Autónomo, destinado a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional como traballadores autónomos ou por conta propia. Este programa contou con 12 M€ de orzamento en Galicia este ano.

Outra das ordes de axudas xa resolta é o Bono Autónomo que financia investimentos para a consolidación dos negocios xa en marcha e que, segundo trasladou Aneiros, deixou este ano nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal un total de 188 achegas por valor de 336.229 euros.

Esta convocatoria dispuxo de 8 M€ para toda Galicia en 2023 e pretende apoiar a consolidación dos autónomos que leven, polo menos 42 meses de actividade empresarial. “Trátase de achegas de ata 3.000 euros para mellorar a competitividade”, explicou Aneiros que lembrou que esta foi unha medida pioneira posta en marcha en 2017 e da que se beneficiaron ata o momento 10.300 traballadores deste colectivo cun orzamento próximo aos 23 M€.