A Xunta inviste máis de 2M€ en formación para 440 persoas desempregadas do concello de Carballo
A Xunta inviste máis de 2M€ en formación para 440 persoas desempregadas do concello de Carballo
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, puxo en valor este tipo de formacións porque non serían posibles sen a estreita colaboración entre os concellos e os centros de formación coa Xunta.
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, o Forum Carballo, para anunciar que o Goberno galego investirá 2M€ en cursos de formación para desempregados. Concretamente, anunciou que o Concello de Carballo volverá a contar cun obradoiro de emprego centrado en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que contará cun apoio da Xunta de máis den 500.000 euros. Neste taller de formación se formará a 20 persoas sen emprego, durante un ano.
O representante do Goberno autonómico resaltou que o Goberno galego porá en marcha este ano un total de 89 obradoiros de emprego en Galicia, dos cales 26 son na provincia da Coruña, dirixidos a mellorar as oportunidades laborais de case 1.800 persoas desempregadas. A actual convocatoria 2023-2024 permitiralles aos concellos, mancomunidades e organizacións sen ánimo de lucro do sector forestal realizar estas accións. Logo da resolución dos obradoiros, iniciaranse de inmediato os procesos de selección
O delegado tamén informou que este Concello contará con 5 cursos de accións formativas para desempregados (AFD), centrados en cociña, soldadura, montaxe de mobles, e instalacións electrónicas, que permitirán formar a 75 persoas para axudarlles a atopar un emprego cun investimento de máis de 355.000 euros”.
O delegado da Xunta puxo en valor este tipo de formacións porque “non serían posibles sen a estreita colaboración entre concellos e Xunta. A administración autonómica é a que aporta o financiamento e os concellos a organización”. “É o mellor exemplo –recalcou- do éxito cando existe unha boa colaboración entre administracións”.
Trenor tamén fixo referencia aos cursos concedidos aos centros de formación deste municipio de accións formativas para desempregados. En total, se aprobou a concesión de 23 cursos que permitirán formar a 345 alumnos, grazas a un investimento do Goberno galego de 1,2 millóns de euros.
Na súa visita subliñou que os obradoiros de emprego están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Os obradoiros duais dan a opción aos alumnos a un contrato de traballo nunha empresa da zona durante un mínimo de tres meses.
No caso dos cursos AFD ponse o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura, servizos administrativos, xestión comercial ou deseño de caldeiraría e estruturas metálicas.