A Xunta invistirá preto de 850.000 euros en 2 obradoiros de emprego xuvenís na provincia de Ourense nos que se formarán 32 mozos e mozas
A Xunta invistirá preto de 850.000 euros en 2 obradoiros de emprego xuvenís na provincia de Ourense nos que se formarán 32 mozos e mozas
- O delegado territorial explicou que o Obradoiro de Emprego ‘Manco Xove VI’, ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 424.836,96 euros formará a 16 mozos e mozas na comarca de Ourense.
- Na comarca de Verín, formaranse outros 16 xoves no Obradoiro Xuvenil ‘Programa de Emprego para persoas mozas Mancomunidade de Verín VII’, ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade subvenciona con 424.836,96 euros.
- O representante do Goberno galego destacou que os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas, posibilitarlle a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral.
- Gabriel Alén lembrou tamén que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa para incentivar a contratación de persoas mozas de menos de 30 anos, mellorando a empregabilidade e a inserción laboral das persoas non ocupadas nesa franxa de idade.
A Xunta destina 849.673,92 euros á posta en marcha de 2 obradoiros de emprego xuvenís na provincia de Ourense; na Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense e na Mancomunidade de Concellos da Comunidade de Verín. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, na visita aos traballos que están a desenvolver os alumnos e alumnas do obradorio de emprego ‘Terras de Mosteiros 2022’.
O delegado territorial detallou que na comarca de Ourense porase en marcha o Obradoiro de Emprego ‘Manco Xove VI’, ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 424.836,96 euros, con dous módulos de actuación: ‘Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas’, que formará a 8 alumnos e alumnas, e ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais’, que instruirá a outros 8 alumnos e alumnas.
Na comarca de Verín -continuou Gabriel Alén- a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 424.836,96 euros ao Obradoiro Xuvenil ‘Programa de Emprego para persoas mozas Mancomunidade de Verín VII’, con dous módulos: ‘Froitocultura’, que formará a 8 alumnos e alumnas, e ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais’, que exercitará a 8 alumnos e alumnas.
O delegado territorial explicou que os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos, que principiarán o 1 de setembro, son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral.
Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.
O representante do Goberno autonómico destacou que ademais, a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación.
Gabriel Alén lembrou tamén que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa para incentivar a contratación de persoas mozas de menos de 30 anos, mellorando a empregabilidade e a inserción laboral das persoas non ocupadas nesa franxa de idade. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina máis de 7,5 millóns de euros para fomentar -en concreto- contratos formativos de doce meses de duración.
Así, a Xunta incentivará a inserción laboral de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa. Trátase dun programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, moi demandadas polo mercado laboral.