A Xunta lanza unha nova edición dos apoios específicos ás persoas traballadoras autónomas aos que destina en total máis de 42 millóns de euros
A Xunta lanza unha nova edición dos apoios específicos ás persoas traballadoras autónomas aos que destina en total máis de 42 millóns de euros
As achegas convocadas hoxe no Diario Oficial, de Galicia son para o inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade (40,7 M€), á contratación indefinida polo colectivo (1,3M€) e ás asociacións (350.000€).
Para axilizar a tramitación convócanse cinco programas nunha única orde, ampliando a dous anos a cota 0 aos autónomos que inicien a súa actividade en sectores asociados á agricultura, gandaría e silvicultura e sobe nun 20% o Bono Remuda.
O paquete único, que tamén inclúe apoios á conciliación e os bonos nova oportunidade e autónomo, beneficiará ata 8.700 persoas autónomas e os apoios á contratación por parte deste colectivo a unhas 160 persoas desempregadas.
O prazo para presentar solicitudes da orde única, así como das axudas á contratación por parte de autónomos abrirá o 11 de febreiro e prolongarase ata o 30 de setembro e no caso das axudas ás asociacións do colectivo será desde mañá ao 4 de marzo.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as ordes dos apoios específicos ás persoas traballadoras autónomas aos que destina en total máis de 42 M€. As achegas son as dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, a través dunha orde única dotada con 40,7 M€ para beneficiar 8.700 persoas autónomas, e que se complementan coas dirixidas a apoiar a contratación indefinida de 160 persoas desempregadas polo colectivo —1,3 M€— e ás asociacións de autónomos —350.000€—.
Para avanzar na súa tramitación, dentro da batería de axudas cinco programas volven quedar unificados nunha orde, con foco no pulo ao sector primario, o rural e a remuda. Así, incorpora novidades no programa de promoción de emprego autónomo, ampliando a dous anos a cobertura da cota cero aos autónomos que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría e silvicultura —axuda de ata 1.920€— fronte aos 12 meses da liña xeral —960€ de apoio—. Ademais, sobe nun 20% o orzamento do Bono Remuda —1,5 M€— dado o auxe da liña destinada a facilitar a transmisión de negocios.
Este paquete suma tamén o Bono Nova Oportunidade —para retornar ao autoemprego—, o Bono Autónomo —axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos— e á conciliación familiar, co obxectivo de facilitar a actividade deste colectivo.
Importes por programa da orde unificada
Respecto á orde unificada, 28,9 M€ dedícanse ao programa de promoción do emprego autónomo que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade, a nivel xeral e ata 24 meses nos casos de inicio de actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura. Para o Bono Nova Oportunidade consignaranse 1,5 M€ e para o Bono Autónomo, 8 M€.
No Bono Remuda, os 1,5 M€ abarcan apoios para quen asume o relevo, con dúas liñas: o Bono remuda rural —para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis—. Ademais, desde o ano pasado tamén incorpora apoios para quen traspasa por xubilación, oscilando entre os 3.000 € e 6.000 € en función de se o concello no que está situado o negocio é de máis ou menos de 10.000 habitantes. Pola súa banda, o programa de conciliación conta con 750.000 € e tres liñas: apoio á contratación dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade —ou por risco polo embarazo ou a lactancia—, a contratación dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes ou para financiar servizos de coidado para persoas ao cargo do autónomo.
Achegas para a contratación indefinida e ás asociacións de autónomos
En canto ás axudas á contratación e á formación de persoas desempregadas por parte dos propios autónomos en Galicia, apoiarán en concreto a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador e inclúe dous tipos de axudas compatibles: os bonos de contratación e de formación para impulsar a cualificación das persoas empregadas. No caso dos destinados ao funcionamento das asociacións de autónomos, a finalidade é apoiar o movemento asociativo do colectivo.
O prazo para presentar solicitudes da orde única, cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, así como das axudas á contratación por parte de autónomos abrirá o 11 de febreiro e prolongarase ata o 30 de setembro e no caso das axudas ás asociacións do colectivo será desde este xoves, 5 de febreiro, ao 4 de marzo. Ademais, hoxe o DOG tamén publicou as novas axudas para apoiar o autoemprego de persoas retornadas, cunha dotación inicial de máis de 1 M€ e que poderán solicitarse desde o vindeiro 9 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026.