A Xunta lembra que todas as empresas deben contar cun protocolo de acoso sexual e artellar medidas específicas para previlo
A Xunta lembra que todas as empresas deben contar cun protocolo de acoso sexual e artellar medidas específicas para previlo
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela unha xornada informativa sobre a prevención do acoso no ámbito laboral.
Considerou primordial tomar medidas para previr a comisión de delitos e outras condutas que atenten contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo, polas consecuencias para a saúde emocional e psíquica das persoas afectadas.
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, lembrou hoxe que todas as empresas -de calquera tamaño e sector- deben contar cun protocolo de acoso sexual e artellar medidas específicas para previr a comisión de delitos e outras condutas que atenten contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo. Así o salientou esta mañá na inauguración dunha xornada informativa sobre a prevención do acoso no ámbito laboral, organizada polo servizo de prevención alleo Equaby.
A directora xeral considerou primordial tratar publicamente -e desde un punto de vista técnico- o acoso sexual e por razóns de sexo, e en xeral a violencia no traballo e a protección da integridade sexual, para contribuír á súa erradicación. Fixo fincapé en que a normativa actual é esixente coas empresas nesta materia polas consecuencias para a saúde emocional e psíquica das persoas traballadoras.
Así, segundo apuntou Elena Mancha, estas normas recollen sancións administrativas moi importantes relacionadas co acoso sexual, co acoso por razóns de orientación sexual e por razóns de sexo. Así mesmo, a inexistencia dun procedemento de detección deste tipo de condutas pode ser obxecto de control por parte da Administración. Nese senso, engadiu, é importante tamén que os asesores externos das empresas coñezan eses protocolos e estean capacitados para desenvolvelos.
Na súa intervención, a directora xeral de Relacións Laborais salientou que é primordial para a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade impulsar os plans de igualdade nos que se inclúen os protocolos de acoso, pola súa contribución non só ao benestar das persoas traballadoras senón tamén -e en consecuencia- á mellora do clima laboral e mesmo da rendibilidade das empresas. Nese senso, aseverou que a sociedade e as Administracións públicas deben seguir traballando da man para acadar a igualdade real e efectiva.
Deste xeito, apuntou que a formación das persoas vinculadas ao mundo laboral en materia de igualdade é fundamental, do mesmo xeito que a formación no relativo ao protocolo de acoso sexual, para impulsar un emprego de calidade. Nese camiño, segundo resaltou, a Xunta de Galicia está a axudar ás empresas, sobre todo ás máis pequenas, a cumprir con estas obrigas, a través da elaboración dunha guía para a prevención e o tratamento do acoso sexual nas pemes (que se pode descargar na web aigualdadelaboral.gal), e mediante formacións específicas que se imparten desde o ano 2021 e nas que xa participaron preto de 700 persoas, a maior parte xerentes ou responsables de empresas.