A Xunta mobilizou preto de 59 M€ en políticas activas de emprego que permitiron apoiar arredor de 5.000 contratacións en 2025

A Xunta mobilizou preto de 59 M€ en políticas activas de emprego que permitiron apoiar arredor de 5.000 contratacións en 2025

  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, compareceu a petición propia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego para presentar o balance dos diferentes programas de incentivos desenvolvidos o pasado exercicio.

     
  • Entre eles destacou o destinado á contratación indefinida e á inserción laboral de colectivos prioritarios, dotada con preto de 20 M€ e que permitiu apoiar máis de 2.600 contratacións de mozos, mulleres ou desempregados de longa duración, entre outros.

  • Para a mocidade, ademais, puxo en valor os resultados da Primeira Experiencia Profesional, que facilitou a contratación de máis de 500 persoas mozas, e do Investigo, que favoreceu máis de 130 incorporacións vinculadas á investigación e á innovación.

  • No relativo á cooperación territorial, salientou os máis de 14,2 M€ para a contratación de persoas desempregadas en concellos rurais, unha iniciativa que posibilitou 846 contratacións en 300 entidades locais e contribuíu á dinamización do rural galego.

  • De cara a 2026, ademais de potenciar todas estas liñas, anunciou que Galicia vén de resultar adxudicataria da liña FID Emprego 360, con 5,5 M€ para impulsar a innovación tecnolóxica aplicada ás políticas activas de emprego.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, para informar sobre o balance dos diferentes programas de incentivos á contratación desenvolvidos en 2025, poñendo en valor que a Xunta mobilizou ao longo do pasado exercicio preto de 59 M€ neste eido, permitindo apoiar arredor de 5.000 contratacións en toda Galicia.

Na súa intervención, Pablo Fernández salientou o modelo galego de políticas activas de emprego, baseado na flexibilidade, na adaptación ás necesidades reais do territorio e na atención prioritaria aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. Neste sentido, incidiu en que “as políticas activas de emprego non poden ser ríxidas nin estáticas”, defendendo a necesidade de que as comunidades autónomas conten con maior capacidade de adaptación na xestión dos fondos estatais transferidos polo Goberno central para responder mellor ás particularidades do mercado laboral galego.

Entre os principais programas desenvolvidos en 2025, o secretario xeral destacou a liña autonómica de incentivos á contratación indefinida e á contratación de colectivos prioritarios, que contou cun orzamento próximo aos 20 M€ e permitiu apoiar máis de 2.600 contratacións de persoas mozas, mulleres, desempregadas de longa duración, con discapacidade, retornadas ou estranxeiras. Precisamente no relativo á mocidade, salientou tamén os resultados do programa Primeira Experiencia Profesional, que facilitou a contratación de máis de 500 persoas mozas, favorecendo a adquisición de experiencia laboral e contribuíndo á retención do talento en Galicia, así como do programa Investigo, que apoiou máis de 130 contratacións vinculadas á investigación e á innovación, principalmente en pequenas e medianas empresas galegas, reforzando así a competitividade e a transformación tecnolóxica do tecido produtivo.

No repaso do balance do pasado exercicio, tamén subliñou o papel das axudas á contratación por parte de persoas autónomas, así como o impacto social do programa Emprego con apoio, orientado a financiar o acompañamento de persoas con discapacidade ou con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral ordinario.

Colaboración con entidades locais e terceiro sector

Ás medidas anteriores, Pablo Fernández sumou tamén o impacto das ordes enfocadas ás entidades locais e ao terceiro sector, contribuíndo así a reforzar a dimensión territorial e social das políticas activas de emprego. Neste sentido, destacou os máis de 14,2 M€ destinados á contratación de persoas desempregadas para a realización de tarefas en concellos rurais, unha iniciativa que permitiu realizar 846 contratacións en 300 entidades locais, contribuíndo á dinamización territorial, á prevención de incendios e á fixación de poboación no rural galego. Tamén salientou a iniciativa destinada á contratación de persoas mozas en colaboración con entidades locais e organismos intermedios, que favoreceu arredor de 230 contratacións. Así mesmo, puxo en valor os programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, que posibilitaron preto de 380 contratacións vinculadas a proxectos de interese social e inclusión laboral.

Conexión entre emprego, formación e mercado laboral

Durante a comparecencia, o secretario xeral sinalou que todas estas liñas continúan desenvolvéndose en 2026, incorporando melloras orientadas, entre outras, a reforzar a conexión entre emprego, formación e necesidades do mercado laboral. Neste marco, referiuse ás novidades incluídas en programas como Galicia Suma Talento: Emprégate, que reforza a vinculación entre contratación e formación. De feito, esta orde incorpora por primeira vez incentivos específicos á contratación de persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións formativas para persoas desempregadas (AFD), obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego.

Ademais, Pablo Fernández anunciou que Galicia vén de resultar adxudicataria na resolución provisional da liña FID Emprego 360, cun financiamento próximo aos 5,5 M€ destinados á innovación tecnolóxica aplicada ás políticas activas de emprego e que permitirá mellorar a análise de datos, anticipar necesidades do mercado laboral, detectar sectores emerxentes e avanzar cara a modelos de orientación laboral máis personalizados e predictivos.