A Xunta organiza en Silleda un encontro de empresas tractoras para detectar ideas de negocio de futuros emprendedores no norte de Pontevedra e Rías Baixas

A Xunta organiza en Silleda un encontro de empresas tractoras para detectar ideas de negocio de futuros emprendedores no norte de Pontevedra e Rías Baixas

A actividade enmárcase no programa de actuacións que desenvolve o Polo de emprendemento e apoio ao emprego nesta área co obxectivo de identificar as necesidades non cubertas que poidan dar lugar a empresas viables

A Xunta de Galicia convida ás empresas xa consolidadas da provincia de Pontevedra a participar no encontro e aportar a súa visión e experiencia e poñer en común as demandas que no eido da formación das persoas traballadoras se requiren na zona

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza o próximo luns, 14 de novembro, un encontro de empresas no Polo de emprendemento Pontevedra Norte e Rías Baixas, radicado en Silleda, para a detección de retos e futuras necesidades do ecosistema empresarial desta zona.

O evento, que contará coa presenza, por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, está aberto á participación de firmas tractoras e asociacións de empresarios da zona, que contribuirán á posta en común de retos e necesidades.

A Xunta de Galicia anima ás empresas xa consolidadas na provincia a acudir ao encontro para compartir as súas experiencias e aportar ideas para identificar necesidades non cubertas que se poidan converter, nun futuro, en negocios viables promovidos por persoas emprendedoras a través do Polo de Silleda, coa colaboración da Fundación Roberto Rivas.

A xornada afondará ademais nas necesidades de formación que precisan as empresas da contorna, para poder dar resposta axeitada a través tamén do programa de cualificación ofertado polo Polo.

A iniciativa permitirá ás persoas participantes coñecer ademais de primeira man o traballo da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta está a despregar en 12 puntos da comunidade no marco da estratexia de emprego Xempre Contigo,  para acompañar a empresas e emprendedores a identificar nichos de mercado e axudar no desenvolvemento das súas ideas de negocio.

O evento celebrarase en sesión de mañá, entre as 9,30h. e as 13,00 horas en La Moda Rural Lab, sede do Polo. As inscricións, de carácter gratuíto, poden formalizarse a través do formulario: https://forms.gle/1k9LLLN87P6d9spy6.