A Xunta pon de relevo o potencial emprendedor da artesanía galega na 3ª edición do congreso Modiña
A Xunta pon de relevo o potencial emprendedor da artesanía galega na 3ª edición do congreso Modiña
- O director xeral de Comercio e Consumo asistiu hoxe á primeira xornada —centrada na artesanía e nas novas tecnoloxías—desta cita apoiada polo Goberno galego polo seu propósito de dar un pulo ao emprendemento téxtil
- Gabriel Alén puxo en valor os obradoiros artesáns Belategui Regueiro (Cambre), D-Raíz (A Coruña) e Eferro (Merza, Vila de Cruces), que participaron nunha mesa redonda sobre o impacto da artesanía na moda, tras outra que abordou o comercio electrónico
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á primeira xornada —centrada na artesanía e nas novas tecnoloxías— da 3ª edición do congreso de moda galega Modiña, apoiado pola Xunta polo seu propósito de dar un pulo ao emprendemento téxtil. Alí, salientou o potencial da artesanía galega na moda a través do mantemento e posta en valor dos oficios e das técnicas tradicionais sen renunciar á innovación, co obxecto de achegar valor engadido a prendas ou complementos.
Alén resaltou que Modiña, organizado por Galicia de Moda e Diesemm, contribúe a alentar as vocacións emprendedoras no eido téxtil, avogando por conectar distintos proxectos e experiencias de cara a consolidar a calidade e competitividade dos produtos finais e para incentivar o consumo. Nesa liña, o director xeral asistiu primeiramente a unha mesa redonda sobre o comercio electrónico na industria téxtil, onde considerou fundamental a adopción das novas tecnoloxías para chegar con éxito á clientela. Posteriormente, estivo no encontro que tratou o impacto da artesanía na moda.
Neste segundo caso, Modiña acolleu os proxectos de tres obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. Un deles, o taller de tecedura artesanal e tinguidura natural Belategui Regueiro (Cambre), impulsado por Luisa Estévez e Óscar Montero no 2004 e que se dedica ao deseño e creación de tecidos artesanais. Gañadores do Premio Altas Artesanías Aplicadas á Moda na segunda edición dos Premios Academia da Moda Española 2025, crean pezas únicas e series limitadas de complementos de moda, decoración e artísticas, tendo realizado colaboracións destacadas a nivel internacional.
Na mesa redonda tamén tomou parte Felicidad Pérez, impulsora de D-Raíz (A Coruña), unha marca de complementos de moda sustentable e unha tenda multimarca que avoga pola moda ética e polo consumo responsable. Así, elabora produtos en edicións limitadas baixo a filosofía da produción sustentable feita en Galicia, baseada no aproveitamento dos recursos naturais para reducir o impacto medioambiental e no emprego de materiais innovadores coma o piñatex ou o malai eco, sostibles e biodegradables.
Mentres, Elena Ferro —de Eferro (Merza, Vila de Cruces)— trasladou a experiencia do seu obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Destaca polo seu traballo cos zocos de madeira, aos que lle outorgou un novo significado, reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A través do seu traballo, a artesá dotou este produto tradicional dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.

