A Xunta pon en valor a colaboración co Clúster das Enerxías Renovables de Galicia para impulsar a formación e a cobertura de vacantes no sector
A Xunta pon en valor a colaboración co Clúster das Enerxías Renovables de Galicia para impulsar a formación e a cobertura de vacantes no sector
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago de Compostela na entrega de diplomas ás persoas que superaron as formacións deste 2024 no marco do convenio entre o Goberno galego e Cluergal.
En concreto, a Xunta destinou case 640.000 euros para que se puideran formar máis dun milleiro de alumnos con 21 cursos, centrados en materias como a enerxía eólica, a xeotecnia, a biomasa, o biogás, os vehículos híbridos ou a eficiencia enerxética.
A colaboración deste ano veu reforzar a mantida entre 2022 e 2023, cando se conseguiran formar preto de 2.000 persoas cun investimento de case 1 M€.
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na entrega de diplomas ás persoas que superaron as formacións realizadas no marco do convenio asinado para este 2024 entre a Xunta e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). En concreto, grazas a un investimento autonómico de preto de 640.000 euros puideron formarse máis dun milleiro de alumnos nun total de 21 cursos, arredor de materias como a enerxía eólica, a xeotecnia, a biomasa, o biogás, a enerxía solar, o autoconsumo fotovoltaico, as centrais hidroeléctricas, o hidróxeno renovable, os vehículos híbridos e eléctricos ou a eficiencia enerxética.
Esta colaboración vén reforzar a dos dous anos anteriores (2022-2023), cando se conseguiran formar case 2.000 persoas a través de 31 cursos e cun investimento do Goberno galego próximo ao millón de euros.
No acto de hoxe, Zeltia Lado amosou o compromiso do Goberno galego por consolidar a colaboración cos clústers, a través de convenios para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. O obxectivo desta iniciativa é dar resposta ás vacantes laborais que están a existir en diferentes sectores da economía.
Nesa liña, dixo, o Goberno galego seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.