A Xunta pon en valor a empresa impulsada pola Asociación de Empresarios de Mos para mellorar a inserción laboral de vítimas da violencia de xénero
A Xunta pon en valor a empresa impulsada pola Asociación de Empresarios de Mos para mellorar a inserción laboral de vítimas da violencia de xénero
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na presentación de ‘Activa Emprega’, que culmina máis de 15 anos de colaboración de Aemos coa Xunta a través de programas de inserción laboral para persoas vulnerables.
- Destacou que a economía social representa máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe no acto de presentación de Activa Emprega, empresa de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero impulsada pola Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) co gallo de seguir avanzando cara a un modelo empresarial máis inclusivo e comprometido co entramado social presente no territorio. Alí, a conselleira destacou que se estea a poñer o foco nestas mulleres en situación de vulnerabilidade, para que poidan incrementar as súas oportunidades laborais e, en consecuencia, as posibilidades de independencia económica e de refacer as súas vidas lonxe dos seus agresores e das situacións de violencia vividas.
Na súa intervención, Elena Rivo agradeceu a sensibilidade e a implicación de Aemos con esta iniciativa, que aposta pola capacitación profesional das mulleres vítimas da violencia de xénero de cara á súa incorporación efectiva no mercado laboral, baixo o paraugas da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Vén culminar, segundo resaltou, máis de 15 anos de colaboración da entidade co Goberno galego, para levar a cabo programas de inserción laboral que xeren oportunidades, en especial, a persoas vulnerables. Non só en Mos senón tamén na súa contorna, dentro da comarca de Vigo.
A titular de Promoción do Emprego e Igualdade loou, nese senso, a contribución da Asociación de Empresarios de Mos á economía social, un modelo que representa máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros na Comunidade.
Para seguir promovendo a economía social, cabe lembrar que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá afondando na difusión da economía social, na creación e consolidación de iniciativas e na promoción do emprego inclusivo.
Así mesmo, segundo apuntou a conselleira, a Xunta de Galicia aprobará a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, que fomentará o crecemento das empresas e contribuirá a crear novas firmas atendendo á diversificación de sectores. Tamén se está a avanzar na nova Lei de cooperativas, para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades.