A Xunta apoia 19 equipos de alta competición femininos no terceiro Plan de patrocinio contra a violencia de xénero

A Xunta pon en valor a formación en soldadura que ofrece a 30 persoas no estaleiro Nodosa de Marín como camiño á súa inserción laboral

  • A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, visitou o alumnado que remata este semestre a súa formación nas instalacións da empresa
  • O cursos visitados forman parte da convocatoria de Accións Formativas para Desempregados (AFD) á que a Xunta destina no período 2022-2023, 64,5 M€
  • O Goberno autonómico está a adaptar a súa oferta de cualificación profesional ás necesidades do tecido produtivo na mellora da súa competitividade

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, visitou hoxe as instalacións do estaleiro Nodosa, en Marín, onde trinta persoas se están a formar en diferentes especialidades relacionadas coa soldadura, no marco da convocatoria de accións formativas para desempregados (AFD) á que a Xunta está a destinar no período 2022-2023 un total de 64,5 millóns de euros.

Parte do alumnado, en concreto 15 persoas, rematan o curso Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG  o vindeiro 28 de abril, tras un período de formación que comezou o pasado 16 de novembro. O segundo dos grupos, tamén de 15 membros, está a obter cualificación en Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG e finaliza a cualificación que iniciou o 12 de decembro de 2022, o próximo 19 de xuño.

Esta acción está a desenvolverse pola entidade Quattro Formación, como centro acreditado para impartir formación profesional para o emprego en Galicia, e que resultou beneficiario da convocatoria autonómica.

A Xunta segue a apostar polo financiamento de accións formativas destinadas á cualificación profesional de galegas e galegos, con prioridade para os que se atopan en situación de desemprego. Ditas accións están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas; ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos; e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras.

Tal e como destacou Lado, a Administración autonómica está a avogar pola formación por medio de accións que acadan como media unha inserción laboral do 60 %. A Xunta aposta polas especialidades formativas con maior demanda e con mellores perspectivas de emprego, no marco das actuacións derivadas da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, “unha estratexia autonómica que busca mellorar tanto a cualificación profesional das galegas e galegos como a competitividade das empresas”, engadiu.

“Do que se trata é de dar resposta ás necesidades daquelas galegas e galegos que precisan mellorar o seu nivel de formación e de incorporar ás empresas ao proceso formativo para dar resposta á demanda de traballo, casando oferta con demanda”, remarcou a directora xeral de Formación para o Emprego en Nodosa.