A Xunta pon en valor as axudas de ata 3.000 € do Bono Autónomo que se poden solicitar ata o próximo 29 de setembro

A Xunta pon en valor as axudas de ata 3.000 € do Bono Autónomo que se poden solicitar ata o próximo 29 de setembro

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a iniciativa empresarial Lémbrate, Unidade de Memoria, un exemplo de emprendemento feminino, traballo autónomo e economía social

Destaca tamén o programa de apoio ao emprego feminino en Galicia, Emega, que estará dotado este ano con catro millóns de euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe na Coruña a aposta que está a facer a Xunta de Galicia por impulsar o emprendemento feminino, o traballo autónomo e a economía social, nunha visita que realizou á iniciativa empresarial Lémbrate, Unidade de Memoria. Trátase dun proxecto que naceu dunha idea feminina no ano 2014 baixo a fórmula de cooperativa, dedicada en exclusiva a traballar as áreas cognitivas. En palabras de Lorenzana, Lémbrate é un exemplo de que as políticas públicas permiten axudar a poñer en marcha “negocios tan tanxibles e reais”.

Na súa intervención, a conselleira puxo en valor algúns dos programas de apoio do Goberno galego ao emprego por conta propia, como é o Bono Autónomo, do que foi beneficiaria a impulsora de Lémbrate. Trátase de axudas de ata 3.000 euros para, por exemplo, mercar maquinaria, utensilios, ferramentas ou equipos informáticos, e tamén, para a reforma do local, entre outras. “Todo para apoiar a consolidación e a mellora da competitividade das persoas traballadoras autónomas”, engadiu Lorenzana. O Bono Autónomo, cuxo prazo de solicitude está xa aberto ata o 29 de setembro, prevé chegar a 3.500 persoas este ano.

A titular de Promoción do Emprego tamén destacou como exemplo de apoio ao emprendemento feminino o programa Emega, que estará dotado este ano de catro millóns de euros. É un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Un programa que tamén ofrece medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial, segundo remarcou a conselleira. Nos últimos 13 anos, investíronse cerca de 19 millóns de euros nesta iniciativa e foron concedidas preto de 1.500 axudas que permitiron crear 2.084 novos postos e manter 648 preexistentes.

Por último, a conselleira referiuse ao Programa Impacto Autónomo que cun nvestimento de 35 millóns de euros constituíuse nunha medida extraordinaria para facer fronte a unha situación excepcional, marcada polo embate da suba dos custos das materias primas, das subministracións ou da enerxía. Este programa posto en marcha a principios de ano recibiu un total 49.085 solicitudes, das cales xa están pagadas 4.789, por importe de máis de 6 millóns de euros.

A estas tres medidas hai que engadir outras moitas que, tal e como resaltou Lorenzana para concluír, nutren o ecosistema emprendedor galego, como son os programas Xempre Autónomo, Xempre Emprendemento ou mesmo da rede de Polos de Emprendemento.