A Xunta pon en valor as máis de 160 persoas asesoradas no polo de emprendemento de Ferrol para dinamizar e fixar poboación na contorna cos seus proxectos

A Xunta pon en valor as máis de 160 persoas asesoradas no polo de emprendemento de Ferrol para dinamizar e fixar poboación na contorna cos seus proxectos

  • A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe nun acto organizado por este Polo para orientar ás persoas participantes de cara ao liderado das súas iniciativas empresariais.

  • Puxo en valor as máis de 300 sesións de titorización levadas a cabo polo Polo de Ferrol, no marco dunha Rede actualmente constituída por un total de dez centros activos, dous deles na provincia da Coruña e aos que se sumará en breve outro en Melide.

  • A Xunta reforzará o seu investimento en emprendemento o ano que vén con respecto a este 2023, cun 56,2% máis de orzamento ata acadar os 28,5 millóns de euros.

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe en Neda no evento Os venres dos polos: como converterse nun bo líder empresarial, organizado polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol. Alí destacou que este centro leva asesorado desde a súa posta en marcha en decembro do ano pasado máis de 160 persoas -un 62% delas mulleres-, coas que se realizaron máis de 300 sesións de titorización para o éxito dos seus proxectos, entre os que destacan os relacionados co comercio.

O obxectivo do evento de hoxe é que as persoas emprendedoras aprendan a converterse en líderes das súas iniciativas empresariais. Os asistentes coñecerán así de primerira man, a través dun experto en coaching empresarial, cales son as súas habilidades directivas e aprenderán a potencialas.  

Na súa intervención, Ardao puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con dez activos na actualidade e coa previsión de chegar a quince antes de que remate o ano. Na provincia da Coruña, máis alá do de Ferrol, está a funcionar o de Coristanco e en próximas datas habilitarase outro en Melide, co gallo de prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras desa contorna en calquera fase en que se atopen os seus proxectos empresariais, de principio a fin.

O emprendemento será unha das grandes apostas da Xunta de Galicia o ano que vén, con 28,5 millóns de euros, un 56,2% máis que en 2023. Estrearase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional nas iniciativas emprendedoras e consolidarase a Rede de polos.