A Xunta pon en valor as políticas a prol do emprego para o desenvolvemento e a fixación de poboación no rural

A Xunta pon en valor as políticas a prol do emprego para o desenvolvemento e a fixación de poboación no rural

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe o programa de conciliación de Boborás, do que se beneficia alumnado do CEIP Nosa Señora de Xuvencos.
  • Tamén o obradoiro de emprego que este concello comparte co Carballiño, Maside e San Amaro, no que unha vintena de persoas se están a formar e a desenvolver traballos de interese público nos eidos forestal e da construción.

     

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe o concello ourensán de Boborás, onde comprobou de primeira man como funciona o seu programa de conciliación e, deseguido, o obradoiro de emprego que este municipio comparte co Carballiño, Maside e San Amaro, ambas iniciativas apoiadas pola Xunta de Galicia.

No caso da Bolsa de coidados, concilia e lecer,  nesta nova edición benefícianse 74 familias (87 nenas e nenos) que estudan no colexio Nosa Señora de Xuvencos. O programa consiste na acollida e garda durante as horas previas á xornada escolar e trala mesma, así como en períodos non lectivos durante a semana de entroido, Semana Santa e vacacións de verán. En palabras da conselleira, trátase dun programa gratuíto, vital para que a veciñanza de Boborás poida conciliar vida persoal, laboral e familiar, contribuíndo a que “siga medrando o noso rural, para fixar poboación e consolidar o crecemento de Galicia”.

Nesa liña, Elena Rivo recordou que precisamente están en prazo de solicitude (ata o próximo 8 de febreiro) os case 11 millóns de euros en axudas convocadas polo Goberno galego para apoiar as entidades locais galegas no impulso da igualdade, no funcionamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e para avanzar na conciliación e corresponsabilidade. En concreto, 6 millóns dese importe están destinados a este último propósito.

Carbosam 2023

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que iniciativas como o programa de conciliación municipal son un claro apoio ao emprego, para que as persoas poidan facer compatible o traballo co resto da súa vida. E precisamente no relativo ao eido laboral, aproveitou a visita para ver como avanza o obradoiro de emprego Carbosam 2023, que Boborás comparte cos concellos veciños do Carballiño, Maside e San Amaro.

Segundo explicou a conselleira, unha vintena de participantes combinan formación coa práctica profesional durante 12 meses, grazas á iniciativa financiada pola Xunta.
 
O obradoiro está centrado en catro especialidades laborais con demanda, relacionadas co eido forestal e coa construción: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e Operacións auxiliares de revestimentos en construción. 

Neste caso, Rivo puxo en valor o que cualificou de ferramentas fundamentais para “dotar á poboación de formación de calidade, ao tempo que se desenvolve un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social”, fortalecendo piares fundamentais da nosa economía.