A Xunta pon en valor o labor dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes na revitalización do comercio local

A Xunta pon en valor o labor dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes na revitalización do comercio local

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou na inauguración da IV edición da feira de oportunidades Bueu non stock.
  • Gabriel Alén lembrou que este ano o Goberno galego destinou 2,25 millóns de euros ás axudas para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos.
  • Tamén subliñou que a Administración galega resolveu recentemente a convocatoria de achegas deste ano á transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial e artesanal con máis de 2 M€ distribuídos entre 400 beneficiarios.
 

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou na inauguración da IV edición da feira de oportunidades Bueu non stock, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais deste municipio e que se celebra desde hoxe ata o domingo 28 de xullo. Alí puxo en valor o papel os centros comerciais abertos, das asociacións e das federacións de comerciantes na revitalización do comercio de proximidade.

Neste sentido, destacou o apoio do Goberno galego a estas entidades e lembrou que este ano destinou 2,25 millóns de euros á convocatoria de axudas para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos. Con estas achegas, subliñou o director xeral, o Executivo autonómico busca promover a revitalización do comercio local como elemento esencial do desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.

Trátase de apoios cos que se financian custes do xerente e gastos de actividades e que tamén van dirixidos a mellorar a fidelización e a dixitalización con medidas como bonificacións para aparcar a través dos tickets de compra o través da creación e mantemento de marketplaces, páxinas web ou mupis e sinalización dixital, entre outros.

No ámbito da transformación dixital, a innovación e a modernización do sector, Gabriel Alén expuxo tamén que a Xunta resolveu recentemente a convocatoria de axudas deste ano da que se beneficiarán 400 comercios e obradoiros artesanais de toda Galicia por un valor total de máis de 2 millóns de euros.

No marco da liña de dixitalización, incídese na implantación do comercio electrónico, mentres na de innovación búscase avanzar na implementación doutras aplicacións ou sistemas relacionados coas novas tecnoloxías para mellorar o negocio e a experiencia da clientela. En canto á liña de modernización, contempla reformas nos locais, obras para aumentar a eficiencia enerxética ou a adquisición de equipamento.

Bueu non stock

A feira Bueu non stock é desde hoxe ata o 28 de xullo en horario de 10,30 a 14,00 horas e de 18,00 a 22,00 horas e nela o pequeno comercio pon á venda a prezos atractivos as existencias acumuladas doutras tempadas. Os expositores desta edición inclúen moda, calzado, complementos, óptica e florería, entre outros.