A Xunta pon en valor o servizo de orientación xurídico-laboral que ofrece co colexio de graduados sociais para atender consultas sobre relacións laborais
A Xunta pon en valor o servizo de orientación xurídico-laboral que ofrece co colexio de graduados sociais para atender consultas sobre relacións laborais
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha charla informativa sobre estes recursos de asesoramento
O servizo está aberto á cidadanía para informar sobre prestacións da seguridade social, igualdade no traballo ou emprendemento, entre outras cuestións
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunha reunión informativa na Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na Coruña, para presentar e explicar o servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral, que este departamento ofrece en colaboración cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (Lugo, Pontevedra e A Coruña e Ourense). Na xornada puxo en valor que no que vai de ano, soamente no Colexio da Coruña atendéronse medio centenar de consultas sobre temáticas diversas insertas no das relacións laborais, a igualdade, e aspectos sociais do traballo.
A directora xeral de Relacións Laborais explicou que con esta iniciativa estanse a atender consultas que abranguen asuntos diversos “relacionados coas prestacións contributivas, xubilación, invalidez, viuvez, orfandade, prestacións familiares, prestacións non contributivas, de desemprego e no marco das relacións laborais dos traballadores acerca de contratos, convenios, comprobacións salariais das nóminas, etc.”.
A Xunta, grazas a esta colaboración, dá resposta tamén a cuestións vencelladas co emprendemento e o traballo autónomo e mesmo a consultas socio-laborais no eido da igualdade, a discriminación ou o acoso no lugar de traballo, especificou Mancha.
O servizo préstase de xeito presencial con carácter prioritario. Poden acceder ao mesmo persoas físicas que non teñan a condición de empresarios, salvo traballadores autónomos que se atopen en situación análoga á de conta allea, que pretendan iniciarse no emprendemento. Tamén poden utilizar o asesoramento en materia de igualdade, discriminación e acoso, as persoas colexiadas con respecto aos seus despachos, así como os clientes, no caso de requirilo.
Este sistema garante a confidencialidade e encomenda o asesoramento a profesionais próximos á persoa beneficiaria.
Mancha lembrou que nos últimos tempos e coas recentes novidades, existen inquedanzas que incumben ás persoas traballadoras e ás relacións laborais, afectando tamén ás condicións nas que se está a desenvolver o traballo. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pretende dar resposta a todas as dúbidas a través desta oficina de orientación xurídica-laboral que se estreou o pasado 2021.