A Xunta pon en valor os establecementos distinguidos cos Premios do Comercio Galego 2024

A Xunta pon en valor os establecementos distinguidos cos Premios do Comercio Galego 2024

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana os profesionais recoñecidos con estes galardóns que outorga a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

     
  • O Premio Comercio 2024 recaeu na librería Lectocosmos (Lugo), Vicente Ábalo (Vilagarcía de Arousa e Pontevedra) obtivo o Premio Comercio Traxectoria 2024 e o Premio Comercio Emprende 2024 foi para AO Domini (Ourense).

  • A maiores, a Asociación Centro Comercial Aberto Carballo recibiu o Premio Comercio Dinamización 2024 e o Premio Comercio Consumo Responsable 2024 entregouse a La Böcöque (Cangas).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se dá publicidade aos establecementos galardoados cos Premios do Comercio Galego 2024. O obxectivo deste certame é recoñecer o bo facer dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.

En concreto, o Premio Comercio 2024 —dotado con 5.000 euros— recaeu na librería Lectocosmos, de Lugo. Mentres, a Asociación Centro Comercial Aberto Carballo recibiu o Premio Comercio Dinamización 2024, ao que lle corresponden outros 5.000 euros.

Os restantes tres galardóns —todos dotados con 3.000 euros cada un— foron para o comerciante do sector téxtil Vicente Ábalo (Vilagarcía de Arousa e Pontevedra), que obtivo o Premio Comercio Traxectoria 2024; o Premio Comercio Emprende 2024 foi para AO Domini, firma de Ourense que aposta pola artesanía no eido do interiorismo ou do téxtil e, por último, o Premio Comercio Consumo Responsable 2024 entregouse a La Böcöque, tenda de roupa e complementos para muller situada en Cangas. 

Estes premios enmárcanse na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e ás demandas das persoas consumidoras dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio. Para avanzar neste obxectivo, cómpre engadir que está previsto aprobar no primeiro trimestre do ano que vén o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, elaborado da man dos axentes implicados.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241220/AnuncioG0767-121224-0003_gl.html