A Xunta presenta en Lugo o programa Lideramos co que está a cualificar 150 mulleres directivas en Galicia

A Xunta presenta en Lugo o programa Lideramos co que está a cualificar 150 mulleres directivas en Galicia

  • A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, tomou parte na xornada ‘Ferramentas prácticas para o liderado feminino’

  • Puxo en valor esta iniciativa da Xunta que busca rachar cos teitos de cristal.

  • En Galicia son 150 as mulleres con responsabilidades na dirección de equipos que participan no programa, unha trintena en Ourense.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron no acto de presentación en Lugo do programa Lideramos, co que a Xunta de Galicia está a promover a formación de mulleres na xestión de equipos co obxecto de afondar na rotura dos teitos de cristal e avanzar na igualdade.

Un total de 150 mulleres con responsabilidades directivas participan en toda Galicia nesta iniciativa que, no caso de Lugo, conta con 30 participantes. 

A representante da Igualdade puxo en valor a experiencia das participantes neste proxecto que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos.

Vázquez destacou o compromiso de Galicia coa igualdade de xénero e a súa aposta polo liderado feminino. Programas como Lideramos favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades destas mulleres, indicou.

A iniciativa incorpora accións para o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas co obxectivo de brindar ás participantes ferramentas para coñecer as forzas motivadoras dos equipos.

A xornada hoxe celebrada en Lugo –Ferramentas prácticas para o liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos– enmárcase no programa de actividades do programa Lideramos que iniciou este xoves a súa formación en Pontevedra e seguirá o seu curso con accións programadas ata o 11 de abril nas catro provincias.