A Xunta procurará o retorno de 200 galegos do exterior investindo 2,3 M€ no programa Retorna Cualifica Emprego con axudas para o acceso á vivenda

A Xunta procurará o retorno de 200 galegos do exterior investindo 2,3 M€ no programa Retorna Cualifica Emprego con axudas para o acceso á vivenda

  • Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da segunda edición deste programa, enmarcado na Estratexia Galicia Retorna.

     
  • Búscanse resultados pegados a cada territorio detectando as necesidades de man de obra e afinando a selección en orixe das persoas con vontade de volver a Galicia ocupando esas vacantes, ofrecéndolles formación para completar a súa cualificación.

  • No marco das axudas das que se poderán beneficiar os retornados para facilitar a súa instalación na nosa Comunidade, inclúense como novidade achegas para alugar vivenda, así como apoio para os primeiros gastos asociados a ese aluguer.

  • Como complemento, no 2025 tamén se publicará unha nova orde bianual cun orzamento duns 2M€ destinada a que empresas poidan rehabilitar inmobles co gallo de poñelos logo á disposición dos retornados que volven con contrato de traballo.

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da segunda edición do programa Retorna Cualifica Emprego, cun orzamento que se incrementa ata os 2,3 M€, medio millón máis que o presupostado na experiencia piloto. Enmarcado na Estratexia Galicia Retorna co gallo de favorecer a volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, o obxectivo desta nova andaina é beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025, incorporando novos apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda.

Coa nova convocatoria, búscase acadar resultados pegados á realidade de cada territorio detectando as empresas que demanden man de obra e cunha atención integral que facilite a toma de decisión tanto ao tecido produtivo interesado en poder cubrir as súas vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas laborais.

Detalles da convocatoria

O Retorna Cualifica Emprego contempla, entre outras accións, a detección de postos de traballo que non estean a ser cubertos pola poboación residente en Galicia en base ás necesidades que así manifesten as empresas interesadas en cubrir esas vacantes, así como a oferta deses postos de traballo a residentes no exterior con afán por retornar.

Unha vez realizado o encaixe entre oferta e demanda, a iniciativa da Xunta abrangue a elaboración de plans personalizados de cualificación e empregabilidade, incluíndo os recursos de formación necesarios que poidan ser de interese para complementar a capacitación profesional que precisen os postos de traballo que se van ocupar. Así mesmo, contémplase a formalización dos correspondentes contratos indefinidos en Galicia. 

Canto ás axudas destinadas a facilitar a instalación na nosa Comunidade das persoas retornadas que volven con traballo, na segunda edición do Retorna Cualifica Emprego incorpóranse como novidade apoios para o aluguer de vivenda. Por unha banda, achegas durante un máximo de tres meses para arrendar inmoble e, por outro, a cobertura dos primeiros gastos asociados a ese alugueiro como a constitución de fianzas e as altas nas subministracións de luz, auga ou teléfono.

Cómpre engadir que en 2025 se publicará unha nova orde bianual cun orzamento duns 2 millóns de euros, destinada a que empresas poidan rehabilitar vivendas co gallo de poñelas logo á disposición dos traballadores galegos retornados.

Retención e captación de talento, en liña coa UE

Esta iniciativa inclúese no plan de captación de talento que está a desenvolver a Xunta cunha dotación para o 2025 superior aos 11 M€, e queda enmarcada na aposta integral do Goberno autonómico por atender as necesidades das empresas no referido á cobertura de vacantes, a través da potenciación da forza laboral interna e atracción de traballadores.

O traballo que está a realizar a Xunta neste eido segue a liña trazada pola Unión Europea para afrontar a escaseza de man de obra. Este labor comeza dentro de Galicia, favorecendo as oportunidades laborais dos demandantes activos de emprego -apoiándose na potenciación do Servizo Público de Emprego de Galicia- , ou impulsando accións para a reciclaxe profesional e recapacitación de traballadores ocupados. No tocante á atracción de residentes no exterior, Galicia é unha Comunidade pioneira coa Estratexia Retorna, ao abeiro da que se lanza esta nova edición do Retorna Cualifica Emprego, que se complementará no 2025 con outras medidas como as bolsas BEME, as axudas extraordinarias para o retorno ou o apoio ao emprendemento para retornados. Xa no referido a favorecer a mobilidade de traballadores de terceiros países, Galicia impulsará no 2025 accións en orixe, sempre da man das empresas galegas.