A Xunta promove a inserción laboral de preto de 4.000 persoas con discapacidade con 10 M€ en axudas aos centros especiais de emprego
A Xunta promove a inserción laboral de preto de 4.000 persoas con discapacidade con 10 M€ en axudas aos centros especiais de emprego
- O Goberno galego promove a creación, ampliación, mantemento e adaptación dos postos de traballo en 126 centros especiais de emprego (CEE) rexistrado.
- A Xunta outorgará ata 2.000 euros por persoa traballadora con especial dificultade para a inserción laboral, promovendo a xeración de postos indefinidos.
- O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 11 de outubro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa de incentivos aos centros especiais de emprego (CEE) para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade. O Goberno galego destinará preto de 10 millóns de euros para financiar as actuacións destes centros correspondentes aos meses de xullo a novembro deste ano. Con esta iniciativa, a Xunta agarda poder beneficiar preto de 4.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 125 postos de traballo indefinido.
A Xunta de Galicia dirixe estas achegas aos 126 centros especiais de emprego que constan no Rexistro Administrativo da Comunidade. Grazas a elas contrataranse tamén 110 profesionais para dar apoio nos centros a 690 persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto desde mañá ata o 11 de outubro.
A iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe tres liñas de axuda: a primeira, para o mantemento do custo salarial nos CEE; unha segunda, para financiar as unidades de apoio á actividade profesional; e, por último, unha terceira que promoverá a creación de postos estables para persoas con discapacidade e a adaptación de postos nestes centros.
A liña que conta con máis orzamento, 9,1 millóns de euros, destinarase a manter os custos salariais e os empregos das persoas traballadoras con discapacidade nos CEE, que recibirán importes equivalentes ao 50 % do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
Un total de 500.000 euros destinaranse, pola súa banda, a financiar os custos salariais da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio a esas persoas con maiores obstáculos para atopar traballo.
O resto, 335.000 euros, distribuirase en achegas para dar estabilidade aos postos de traballo mediante a contratación indefinida (máximo de sete postos por centro subvencionables) con incentivos de ata 25.000 euros por posto creado a xornada completa en función das características da persoa traballadora; e para a adaptación de postos de traballo ás condicións das persoas con ata 2.000 euros por cada un.
Con esta iniciativa, o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo a través dos centros especiais de emprego, un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado ordinario de traballo.
As axudas publicadas hoxe encádranse nos diferentes programas da Xunta de apoio á discapacidade e ás persoas en exclusión social, que este ano contan con máis de 44,4 millóns de orzamento destinado a favorecer a empregabilidade e a formación para o emprego adaptadas ás necesidades destes colectivos.