A Xunta reafirma o seu compromiso cos traballadores autónomos e as persoas estranxeiras que queren emprender en Galicia

A Xunta reafirma o seu compromiso cos traballadores autónomos e as persoas estranxeiras que queren emprender en Galicia

  • José González destacou a contribución dos traballadores por conta propia a un mercado laboral que en agosto sumou case 15.000 novas afiliacións na comparativa interanual e obtivo a mellor cifra de paro nun mes de agosto dos últimos 28 anos.

     
  • No ámbito da inserción laboral de persoas estranxeiras, puxo de relevo o auxe na afiliación e o apoio da Xunta aos emigrantes retornados para que poidan lanzar o seu proxecto empresarial con medidas da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026.

  • Defendeu a necesidade de maior implicación do Executivo estatal para desenvolver da maneira máis eficiente posible as medidas a prol destes profesionais, como o programa de UPTA Intégrate, que apoia o Goberno galego.

  • Tamén lembrou que o Goberno galego continuará co programa de arraigamento que con microformacións capacita ás persoas migrantes en situación irregular e do que na edición anterior se beneficiaron máis dun cento de persoas.

     

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na rolda de prensa sobre o programa Emprende. Intégrate, da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), unha iniciativa para orientar de balde en materia de autoemprego ás persoas estranxeiras interesadas e que conta co apoio da Xunta. Alí estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; polo presidente de UPTA, Eduardo Abad, e o portavoz de UPTA Galicia, Jesús Diéguez.

Neste contexto, o titular de Emprego destacou o labor indispensable deste colectivo para a economía pois co seu traballo contribúen a un mercado laboral que no mes de agosto sumou preto de 15.000 novas afiliacións na comparativa interanual e obtivo, con 118.678 persoas, a mellor cifra de paro nun mes de agosto dos últimos 28 anos.

Ademais, o conselleiro trasladou o compromiso da Xunta con estes profesionais e coas persoas estranxeiras que queren emprender, o que converte a Galicia en comunidade pioneira no soporte a este tipo de accións. Este apoio materialízase a través de accións como a Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que rexerá as medidas durante os próximos anos para fortalecer e potenciar a súa actividade.

Neste campo, José González mencionou as achegas do Bono Remuda para garantir o relevo nos negocios, a cota cero para novos autónomos e outros no ámbito do emprendemento como a Rede de polos, o mapa do emprendemento ou as microguías para axudar a quen estea a dar os primeiros pasos do seu negocio en Galicia.

Ao mesmo tempo, defendeu a necesidade de maior implicación do Executivo estatal con este colectivo para desenvolver da maneira máis eficiente posible as medidas de apoio a estes profesionais en accións relacionadas coa integración laboral de migrantes, como o programa de UPTA presentado hoxe -financiado pola comunidade autónoma sen o apoio estatal-, ou a formación.

Apoios aos retornados e aos estranxeiros para emprender

José González especificou que a aposta da Xunta polos traballadores por conta propia é adaptada ás tendencias e dinámicas cambiantes como o auxe da afiliación estranxeira. Entre os apoios do Executivo galego neste ámbito, o conselleiro salientou os que destina aos emigrantes galegos retornados para que poidan lanzar o seu proxecto empresarial, consolidarse e medrar e o programa Retorna Cualifica Emprego, do que se está a deseñar unha nova edición da man das empresas galegas co fin de ofrecer traballos de calidade en orixe, formación a medida e axudas para establecerse con todas as garantías. Estas medidas enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, dotada cun orzamento de máis de 450 millóns de euros.

Nesta liña, José González manifestou que o retorno é unha oportunidade de progreso para Galicia pois contribúe a incorporar alta cualificación profesional desde o resto do mundo ao mercado laboral, a cubrir as vacantes existentes no tecido empresarial galego e a manter vivos os negocios.

En canto á inserción laboral de estranxeiros en Galicia, o titular de Emprego subliñou que a Xunta continuará co programa de arraigamento co que se capacita a persoas migrantes en situación irregular a través de microformacións. De feito, esta semana o Consello da Xunta autorizou a sinatura dos convenios de colaboración con Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo e a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia para tal fin. Na primeira edición desta iniciativa pioneira beneficiáronse máis dun cento de persoas das que o 100 % conseguiron permiso de residencia e arredor dun 70 % acadaron un traballo indefinido.