A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero cun novo marco legal que loitará contra a discriminación múltiple e recoñecerá dereitos ás mulleres rurais e do mar

A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero cun novo marco legal que loitará contra a discriminación múltiple e recoñecerá dereitos ás mulleres rurais e do mar

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xuntanza da Mesa interinstitucional contra a violencia de xénero de Barbadás, onde reivindicou a utilidade destes órganos, que reciben o respaldo do Goberno galego, na posta a dispor de recursos para as vítimas e para a prevención e a loita contra este “problema estrutural”.

 

López Abella lembrou que a colaboración cos concellos resulta fundamental no impulso da igualdade e reivindicou o traballo das mesas que, como a de hoxe, naceron ao amparo da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que a Xunta leva promovendo desde 2012. “Nas mesas están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, nesta loita, co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta desde o territorio e coa máxima proximidade”, puxo en valor.

 

Galicia conta na actualidade con 88 mesas locais creadas e 224 entidades locais adheridas á rede. Para reforzar o seu dinamismo, a Xunta de Galicia desenvolve xornadas territoriais neste final de ano para animar á súa posta en marcha e estender a súa presenza no territorio. As mesas veñen demostrando, indicou a secretaria xeral que “o traballo de coordinación entre institucións, incrementa moito a eficacia na prevención e permite brindar unha axuda máis áxil ás vítimas”.