A Xunta reforza o seu investimento en emprendemento cun 56,2 % máis de orzamento en 2024 ata os 28,5 M€

A Xunta reforza o seu investimento en emprendemento cun 56,2 % máis de orzamento en 2024 ata os 28,5 M€

  • A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe nas Xornadas de Emprego do Foro Avanza da Universidade da Coruña.

  • Puxo en valor a rede de polos de emprendemento con dez oficinas en activo, dúas delas na provincia da Coruña (Ferrol e Coristanco) e cunha terceira en Melide, que se porá en funcionamento en vindeiras data.

     

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, salientou hoxe na Coruña a aposta que fai a Xunta de Galicia polo impulso ao emprendemento cun 56,2 % máis de investimento (28,5 millóns de euros) no orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024.

Ardao apuntou nas Xornadas de Emprego do Foro Avanza da Universidade da Coruña que o emprendemento é “unha das grandes apostas” do Goberno galego para o vindeiro ano e, así, indicou que se porá en marcha unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional nas iniciativas emprendedoras e se consolidará a Rede de polos coa que a Xunta está a acompañar no inicio da súa actividade empresarial a centos de galegos. A directora xeral, ademais, afirmou que a Consellería aprobará no exercicio que vén unha Nova Estratexia de Emprendemento Horizonte 2027.

Na súa intervención, Ardao tamén resaltou o traballo que está a facer a Rede autonómica de polos de emprendemento con dez activos na actualidade e coa previsión de chegar a quince antes de que remate o ano, dando, deste xeito, cobertura ao 100 % da xeografía galega. É unha iniciativa que a Xunta comezou a despregar por toda a xeografía galega no ano 2022, na que se avalían as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios.

Esta rede de polos, en concreto, presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. “Queremos facer dos polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado”, subliñou.

Na provincia da Coruña están en marcha os polos de Ferrol, Coristanco e en vindeiras datas porase en funcionamento o de Melide.

Para rematar, a directora xeral referiuse ao programa de apoios que convoca cada ano dirixido a financiar os gastos de posta en marcha de empresas de base tecnolóxica con ata 24.000 euros. En 2023 investiuse nesta iniciativa 500.000 euros. Con este programa apóiase a creación de emprego estable, o inicio e posta en marcha da actividade, a conciliación e o desenvolvemento da función de xerencia.