A Xunta reforzará e ampliará os recursos para as vítimas da violencia de xénero cun orzamento para combater esta lacra que sube o 14% ata os 20,5 M€
A Xunta reforzará e ampliará os recursos para as vítimas da violencia de xénero cun orzamento para combater esta lacra que sube o 14% ata os 20,5 M€
A conselleira da Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para poñer en valor os recursos e esforzos da Xunta contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas en todos os ámbitos
Anunciou a creación de centros de crise nas áreas sanitarias para a atención 24×7 das vítimas da violencia sexual
Puxo en valor o traballo dos Centros de Información á Muller na atención de proximidade ás vítimas da violencia de xénero, que verán reforzados os seus apoios para mellorar as súas infraestruturas
Lorenzana reclamou consenso para a nova Lei galega de igualdade en tramitación que protexerá ás mulleres de discriminacións múltiples, de ataques dixitais, recoñecerá o benestar laboral e creará un estatuto das mulleres rurais e do mar
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe a petición propia para dar conta no Parlamento das medidas coas que Galicia está a loitar contra a violencia de xénero e a favor da igualdade, na semana do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Destacou que o Goberno galego traballa por unha Galicia libre de violencia, unha ardua labor para a que “non se escatiman recursos nin esforzos”.
Lorenzana debullou os orzamentos que o seu departamento mobilizará en 2023 para combater esta lacra, que ascenderán a 20,5 millóns de euros, un 14,7% máis que no ano anterior coa idea, dixo, de “manter, reforzar e ampliar os recursos, servizos e prestacións que xa están ao dispor das vítimas”.
A Xunta está comprometida na loita integral contra a violencia de xénero que “responde a unha estratexia transversal, conta cuns orzamentos específicos e se substancia en actuacións concretas, todo á fin de repercutir directamente na garantía da recuperación e benestar das vítimas, así como na prevención das conductas violentas contra as mulleres en calquera escenario posible”, remarcou Lorenzana.
Case 6 millóns destinaranse a sufragar as diferentes prestacións económicas para que as vítimas poidan gañar independencia dos seus agresores. Manteranse así as axudas periódicas mensuais de ata 800 euros durante 12 meses, ás que se destinarán 4,2M€ e os apoios de pagamento único para mulleres con poucos recursos e difícil acceso ao mercado laboral (1,67M€ de orzamento).
Do mesmo xeito, a comunidade seguirá a garantir a percepción de indemnizacións por parte das vítimas, a axuda económica ás orfas e orfos desta lacra e ás mulleres gravemente feridas, e cubrirá parte dos gastos non que incorran as vítimas que cambien de residencia habitual pola súa contratación ou inicio de actividade laboral noutro lugar.
Todas estas actuacións compleméntanse cun amplo abano de medidas en materia de atención, acompañamento, formación e integración das vítimas de violencia de xénero. Como exemplo, a conselleira destacou que grazas aos incentivos do Goberno galego, 400 mulleres vítimas foron contratadas por entidades locais e sen ánimo de lucro desde 2019. Tamén se garante atención psicolóxica gratuíta tanto ás mulleres como ao entorno (máis de 1.100 persoas beneficiarias en 2021), destacou.
Lorenzana subliñou o impulso que a Xunta dará á Rede galega de acollemento -integrada por sete centros- que en 2023 verán incrementada a súa dotación nos orzamentos nun 24%, tendo atendido no primeiro semestre deste ano 139 persoas, 59 delas, menores.
Centros de crise
A conselleira avanzou a creación en 2023, dentro do prazo establecido polo Goberno central, de centros de crise para atender ás vítimas de violencia sexual. Tal e como anunciou, con base a unha colaboración co Sergas, emprazaranse nas diferentes áreas sanitarias, seguindo un criterio de eficiencia e eficacia, estarán próximos ás urxencias hospitalarias.
Na actualidade, especificou a conselleira, están definidos os espazos onde se instalarán nas áreas sanitarias de Vigo, Santiago-Barbanza, Lugo-Mariña-Monforte e Ferrol.
Nestes puntos prestarase atención integral ás vítimas as 24 horas, os 365 días do ano.
Apoio aos CIM
“Eliminar a violencia de xénero, unha prioridade do Goberno galego, pasa inescusablemente por garantir a igualdade de xénero en todos os espazos e en todas as esferas da nosa vida”, manifestou Lorenzana quen resaltou os máis de 4 millóns de euros que destinará o seu departamento aos 84 centros de información á muller (CIM).
“Os CIM son un recurso esencial que nos permite seguir proporcionando unha atención integral e de proximidade nun total de 193 concellos galegos, prestando servizo a unhas 9.500 mulleres cada ano”, dixo, á vez que anunciou a creación de dous máis: Boborás-Castrelo de Miño (Ourense) e Vimianzo (A Coruña).
A Xunta artellará en 2023 unha nova partida complementaria da anterior, de 1,4 millóns de euros, para a mellora das infraestruturas e do equipamento destes centros.
Mellorar esta rede, atendendo á realidade e diversidade dos concellos, é outros dos propósitos, polo que a conselleira anunciou que se reunirá o próximo 12 de decembro con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para abordar a mellora do mapa de recursos, a formación especializada continuada e fomentar as mesas locais contra a violencia de xénero.
Conciliación
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará en 2023 de xeito específico con 14,6 millóns de euros para apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade. Na mesma liña, destacou Lorenzana, o seu departamento ten previstos outros 2,3 millóns de euros en 2023 para fomentar o benestar laboral, con medidas dirixidas a empresas e organizacións e a mellorar a formación.
Lorenzana anunciou que a comunidade disporá ademais do II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade para perfilar as medidas estratéxicas que a Xunta desenvolverá neste eido ata 2025.
Medidas lexislativas
A titular de Igualdade, por outra banda, puxo en valor que o Goberno galego traballa para a inclusión das vítimas de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero na Lei autonómica por medio do Proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas.
Tamén chamou a acadar o máximo consenso para a aprobación da nova Lei para a igualdade efectiva entre mulleres e homes de Galicia coa previsión de que entre na Cámara parlamentaria no primeiro trimestre de 2023. Esta lei contempla un capítulo enteiro dedicado ao benestar laboral, recalcou a conselleira, quen destacou como outros avances do texto, o recoñecemento da discriminación múltiple, o reforzo da protección das mulleres no eido dixital, a creación de espazos urbanos libres de violencia sexual, o impulso da creación de empresas en sectores con infrarrepresentación feminina ou a creación dun estatuto propio da muller rural e do mar.