A Xunta reforzará no 2025 a promoción da artesanía e produtos galegos a través da rede de centros da colectividade no exterior

A Xunta reforzará no 2025 a promoción da artesanía e produtos galegos a través da rede de centros da colectividade no exterior

  • José González expresou o seu recoñecemento ao traballo deste Centro, fortemente vencellado á Costa da Morte, no fomento das tradicións e da identidade galega, actuando de nexo cos emigrantes afincados tamén en Alemaña, Austria e Suíza.

     
  • Destacou o compromiso da Xunta co importante labor que desenvolven entidades como a de Liechtenstein para seguir fornecendo os lazos da diáspora con Galicia.

  • Ademais, continuaranse impulsando as bolsas BEME, unha ferramenta estratéxica para a atracción de talento da mocidade galega que reside fóra, coa novidade de que en 2025 incluirán na oferta tamén estudos de grao a través dunha iniciativa piloto.

  • A implicación da Xunta cos galegos do exterior reflíctese na demanda feita polo Executivo galego ao Goberno de España para que elimine as desigualdades que impón aos retornados no fiscal ou na sanidade.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta tarde en Liechtenstein na celebración do 45 aniversario do Centro Español Apóstolo Santiago, un acto que reúne en Vaduz, a capital do principado, a máis de 700 persoas pertencentes á colectividade galega afincada en Centroeuropa.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que esta Asociación -constituída en 1979 e que conta na actualidade con máis de 170 socios- é un símbolo vivo de preservación cultural e expresou o seu recoñecemento ao traballo continuado do Centro ao longo destes anos a prol da promoción da tradición e do patrimonio galegos, actuando como nexo de unión entre os emigrantes afincados en zonas próximas de Alemaña, Austria e Suíza. Ademais, puxo en valor os vencellos históricos desta entidade coa Costa da Morte, resaltando a contribución das persoas procedentes desta rexión galega na formación e consolidación do Centro e na cohesión de toda a comunidade.

José González destacou o compromiso da Xunta co importante labor que realizan estas asociacións para seguir fornecendo os lazos da diáspora con Galicia. Precisamente neste senso -e dentro da batería de medidas que se desenvolven cada ano ao abeiro da Lei de Galeguidade- os orzamentos de 2025 inclúen unha ampliación de 500.000 euros para reforzar a promoción da artesanía e dos produtos galegos fóra das nosas fronteiras a través da colaboración cos centros e entidades galegas do exterior.

Tamén lembrou que a Xunta sempre estará para apoiar á comunidade emigrante e ofrecer oportunidades a quen desexe retornar ou seguir contribuíndo desde o exterior. Así, indicou que hoxe Galicia é unha terra chea de oportunidades, forte e preparada para recibir a experiencia e o coñecemento daqueles que estean pensando en regresar, a través de diferentes medidas englobadas na Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros para favorecer ata o 2026 o regreso de 30.000 galegos e descendentes.

Neste eido, destacan os apoios para o autoemprego -como o programa de mentoría Merlo- ou as bolsas BEME, unha ferramenta estratéxica clave para a atracción de talento e a suma de capacidades ao noso tecido produtivo. O vindeiro ano a Xunta reforzará o programa, incrementando o seu orzamento a 2,7 millóns de euros e incorporando na oferta os estudos de grao.

Colectividade galega en Centroeuropa

O evento de celebración do 45 aniversario do Centro Español Apóstolo Santiago acada nesta edición os máis de 700 asistentes, congregando non só a galegos residentes neste principado europeo, senón tamén de países próximos. Neste marco, a Xunta mantén un vínculo constante coa emigración galega, que ten en Centroeuropa unha das maiores colectividades do exterior, concretamente en Suíza, onde residen máis de 41.000 persoas galegas e onde hai 13 centros que figuran no Rexistro da Galeguidade, entre eles o das Xeitosiñas de Zurich e o Centro Recreativo Cultural Ourense de Basilea, que o conselleiro de Emprego visitou o pasado mes.

Cómpre salientar que, como exemplo da implicación cos emigrantes galegos en Europa, a Xunta reuniuse recentemente coa secretaria de Estado de Migracións, unha xuntanza na que se demandou eliminar as desigualdades fiscais coas que grava o Estado aos galegos do exterior que volven a súa terra, en especial as persoas que retornan de Suíza con rendas do traballo capitalizadas durante toda unha vida laboral. Ademais, neste encontro en Madrid tamén se solicitou a bonificación que hoxe teñen que pagar os retornados do país helvético á Seguridade Social para poder acceder á cobertura sanitaria universal en España, unha prestación coa que a Xunta xa está plenamente comprometida coa súa gratuidade.