A Xunta salienta o traballo dos polos de emprendemento para acompañar en todas as fases das iniciativas e dinamizar o mercado de traballo

A Xunta salienta o traballo dos polos de emprendemento para acompañar en todas as fases das iniciativas e dinamizar o mercado de traballo

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou no primeiro encontro das ‘Xornadas abertas de emprendemento’ de Redondela

Destacou que entre as iniciativas coas que traballan os cinco polos activos en Galicia destaca a presenza maioritaria de mulleres

A Xunta participou tamén hoxe en Silleda nunha xornada de traballo para favorecer o relevo xeracional no sector panadeiro en colaboración coa Asociación de amigos da empanada de Bandeira

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe no primeiro encontro das Xornadas Abertas de Emprendemento de Redondela, no que puxo en valor o traballo que se está a desenvolver a rede autonómica de polos de emprendemento e apoio ao emprego que na actualidade conta con 5 centros abertos, que serán 12 antes de que remate o ano, para dar cobertura a toda a xeografía galega.

Ardao destacou o traballo que exercen os Polos, que se adecúa a todas as etapas do proceso emprendedor e ás particularidades de cada proxecto, co reto de casar a xestión da busca de traballo coa realidade demográfica e social de Galicia. Outros dous obxectivos, apuntou no acto de hoxe, consisten en dinamizar o mercado de traballo buscando a interacción entre o ámbito rural e urbano e fixar poboación no territorio.

Na actualidade Galicia conta con 5 centros xa en marcha: Ourense Centro e Sur (Verín); Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda); Costa da Morte (Coristanco); Lugo Sur (Monforte de Lemos) e Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol). Nestas oficinas estase a dar cobertura a máis de 140 concellos, cubrindo o 45% do territorio galego. Antes de que remate o ano, abriranse os outros sete centros para chegar ao 100% da poboación galega.

Tal e como subliñou Ardao, nestes primeiros meses de traballo destaca a presenza de mulleres entre as persoas con ideas de negocio que están a ser asesoradas. Unha experiencia que, como indicou, Galicia coñece grazas ao programa Emega de emprendemento feminino que desde 2009 xa apoiou cerca de 1.500 negocios promovidos por mulleres.

O Goberno galego seguirá a consolidar este ano a convocatoria Emega, que, tras 26 anos de traxectoria, contará cun orzamento en 2023 de 4 millóns de euros destinados á posta en marcha de iniciativas emprendedoras, a reactivar ou innovar as xa existentes, a impulsar proxectos tecnolóxicos e a favorecer a conciliación das promotoras.

Conectando co sector panadeiro

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron tamén hoxe no Recinto feiral ABanca Semana Verde de Silleda no evento Conectando o polo co sector da panadería, nacido da colaboración do Polo Pontevedra Norte e Rías Baixas, radicado nesta localidade, coa Asociación de amigos da empanada de Bandeira. Toca destacou a importancia deste evento no que se abordaron os retos do sector e a conexión cos polos para facer atractiva esta profesión ás novas xeracións e crear novos negocios no sector da panadería na provincia de Pontevedra.

Na xornada tomaron parte representantes de negocios de panadería da zona, escolares, docentes e membros da asociación da empanada.