A Xunta salienta que a nova Estratexia de Seguridade e Saúde laboral de Galicia abordará a prevención de riscos nas novas formas de traballo
A Xunta salienta que a nova Estratexia de Seguridade e Saúde laboral de Galicia abordará a prevención de riscos nas novas formas de traballo
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Vigo na apertura do 7º Congreso de Prevención e Seguridade Industrial 4.0- A intelixencia artificial.
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na apertura do 7º Congreso de Prevención e Seguridade Industrial 4.0 – A intelixencia artificial que se celebrou en Vigo e que contou co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Organizado polo Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI) e a Asociación de profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (APROSAL) desenvolveuse tanto na modalidade presencial, como en liña.
Na súa intervención, Quinzá-Torroja puxo en valor a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, un documento que acaba de ser aprobada polo Goberno galego e que permitirá adecuar a prevención de riscos ás novas formas de traballo. Así, incidirá, de xeito decisivo, na redución da sinistralidade nos sectores máis afectados.
A estratexia foi resultado dun proceso participativo e conta co consenso do Diálogo Social e as achegas de diferentes departamentos da Xunta; e a súa planificación adáptase aos actuais marcos estratéxicos europeo e español e dá resposta á transformación ecolóxica, social e dixital que se está a vivir.
Entre os seis obxectivos estratéxicos e as máis de 135 medidas que se van desenvolver, recolle actuacións para adaptar a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías nas contornas laborais, como a intelixencia artificial, o big data, os robots colaborativos, a Internet das cousas, os algoritmos ou as plataformas dixitais de traballo.
En concreto, no seu obxectivo estratéxico 3 afróntanse os riscos laborais derivados dos novos escenarios de traballo, no que se recollen dúas liñas de actuación: a primeiras delas, para xerar coñecemento técnico para a prevención dos novos riscos e así evitar futuros danos para a saúde da poboación traballadoras; e a segunda para avanzar cara a unha protección eficaz a través dunha adecuada xestión dos riscos derivados da nova realidade laboral.
Quinzá-Torroja destacou que é de vital importancia o traballo conxunto e compartido, a través da creación de redes e alianzas entre diversos actores implicados nesta materia como poden ser as universidades, as asociacións profesionais da prevención de riscos laborais e as asociacións científicas.
A Administración pública, nas súas palabras, debe desempeñar un papel clave na procura dos aliados necesarios que completen a súa actuación e que permitan achegar o coñecemento e as actuacións a desenvolver no eido da prevención de riscos laborais.
“Traballar en conxunto, compartindo coñecementos, recursos e boas prácticas, é clave para protexer a saúde e seguridade dos traballadores e fomentar unha cultura preventiva en Galicia para contribuír á redución da sinistralidade laboral, promovendo á súa vez o benestar laboral e a promoción da saúde no traballo”, rematou.