A Xunta suma en cinco días máis de 1.700 solicitudes para optar ás axudas para a promoción do emprego autónomo, que inclúen cota cero para as novas altas

A Xunta suma en cinco días máis de 1.700 solicitudes para optar ás axudas para a promoción do emprego autónomo, que inclúen cota cero para as novas altas

  • A Administración autonómica mobiliza case 29M€ para financiar as axudas para os profesionais que inician a súa actividade por conta propia.

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, realizou un percorrido por varios comercios locais de Ourense para dar difusión a estes apoios.

  • Prevense achegas máximas de case 8.000 euros para as persoas desempregadas que inicien unha actividade por conta propia.

A Xunta contabiliza máis de 1.700 solicitudes de profesionais que queren optar ás axudas para a promoción do emprego autónomo, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 9 de xaneiro e co prazo aberto hai escasamente 5 días. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, fixo hoxe un percorrido por varios comercios locais da cidade de Ourense para dar coñecer estes e outros apoios que a Administración autonómica dispón para impulsar e mellorar a competitividade dos negocios por conta propia.

Tal e como lembrou Rivo, o seu departamento mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude para financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia a través de dúas liñas que suman un orzamento de 28,9 millóns de euros. Neste total inclúese unha partida de 9,6 millóns de euros para financiar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.

Poden ser beneficiarias das achegas as persoas que cursen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024.

Para optaren á primeira das liñas, as persoas beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos, carecendo de ocupación efectiva na data de inicio da actividade. Deberán contar con domicilio fiscal en Galicia e non ter altas rexistradas como autónomos nos tres anos anteriores.   

As contías van dos 2.000 euros ata os 4.000 no caso de que se trate de menores de 30 anos, parados de longa duración, con discapacidade ou en situación de dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a autónoma é muller ou o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.

Para acceder á liña que garante a financiación íntegra da cota durante os doce primeiros meses, os autónomos deberán ser beneficiarios da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía neste caso ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.

As achegas máximas previstas, ao se tratar de dúas liñas compatibles, expecificou Rivo, poden acadar os 8.000 euros para persoas desempregadas que inicien a súa actividade profesional en Galicia como traballadoras autónomas.

Ata o momento a Xunta de Galicia xa contabilizou 1.732 solicitudes por parte de traballadores autónomos, 1.523 para optaren as dúas liñas.

Con esta medida, a Administración autonómica segue a impulsar o traballo por conta propia, por representar un papel clave na economía galega, xerar emprego e contribuír á dinamización e diversificación da actividade nas contornas rurais.