A Xunta traballa para intensificar o labor das mesas locais contra a violencia de xénero e fortalecer a cooperación ante posibles casos

A Xunta traballa para intensificar o labor das mesas locais contra a violencia de xénero e fortalecer a cooperación ante posibles casos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xuntanza celebrada en Vilamarín na que puxo en valor os recursos do Goberno galego para loitar contra a violencia machista

Lembrou que a Administración autonómica está a impulsar a creación destas mesas locais nos municipios nos que aínda non existen

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Vilamarín na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, unha xuntanza na que sinalou a importancia do funcionamento deste órgano para fortalecer a coordinación e cooperación institucional fronte á violencia machista.

López Abella sinalou que estas mesas xogan “un importante papel” para difundir os recursos dos que dispoñen as vítimas e dar a coñecer o protocolo galego nesta cuestión, deseñado no marco do Observatorio autonómico contra a violencia de xénero.

A Xunta está a traballar para intensificar o labor das mesas nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen. A posibilidade de dispor de mesas de coordinación destas características está aberta aos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada en 2012 no marco dun protocolo de colaboración asinado pola Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp).

No marco deste traballo para fortalecer o funcionamento destas mesas locais de coordinación, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebrou o pasado ano catro xornadas nas que asistiron preto de 90 profesionais (36 na Coruña, 11 en Lugo, 18 en Ourense e 24 en Pontevedra) sobre divulgación da diagnose e recollida de propostas de traballo e sesións de formación e dinamización para facer fronte á violencia machista.

Xerar un espazo de intercambio e coñecementos sobre boas prácticas e, a súa vez, recoller novas accións de intervención para unha maior transferencia das experiencias desde os territorios respecto das accións contra a violencia de xénero foi o obxectivo principal das catro xornadas que se desenvolveron nas catro provincias galegas e que estiveron dirixidas principalmente aos técnicos das áreas de igualdade dos concellos galegos.

López Abella apuntou que é “preciso seguir mellorando a resposta institucional e a posta en marcha de novas medidas para abordar dun xeito cada vez máis eficaz as situacións de violencia de xénero”, unha eficacia que, segundo subliñou, pasa pola “coordinación entre as institucións e os servizos públicos implicados, para atender con axilidade as necesidades das mulleres que sofren unha vulneración dos seus dereitos a causa da violencia machista”.