A Xunta visita a cooperativa Amarelante que se dedica á produción sostible de castaña desde Manzaneda e foi beneficiaria do Bono Consolida Economía Social
A Xunta visita a cooperativa Amarelante que se dedica á produción sostible de castaña desde Manzaneda e foi beneficiaria do Bono Consolida Economía Social
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou as instalacións desta cooperativa xurdida no ano 2013
Puxo en valor iniciativas da economía social que coma esta están a contribuír a dinamizar a actividade económica no rural, a innovar e a mobilizar as terras en desuso
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe as dependencias da cooperativa Amarelante que desde Manzaneda promove a produción sostible de castaña e emprega o sistema tradicional de secado para o seu consumo fóra de temporada. A conselleira lembrou que esta entidade foi beneficiaria do Bono Consolida Economía Social e anunciou que o seu departamento seguirá a convocalo este ano cunha dotación de 2,7M€ para mellorar a competitividade das entidades de economía social.
As axudas do Bono Consolida, especificou Lorenzana no encontro de hoxe, inciden na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética das cooperativas e outras iniciativas de economía social, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica e da súa competitividade.
Tal e como destacou a conselleira, proxectos como Amarelante favorecen a dinamización da economía de proximidade. Neste caso, o valor resulta inda maior, indicou, ao avogarse pola recuperación de castiñeiras abandonadas, dándolles valor engadido a través de produtos elaborados.
A cooperativa de Manzaneda ten no mercado na actualidade tres liñas de produtos que permiten superar a estacionalidade da castaña: o froito seco, bicas de castaña e fariña.
Lorenzana quixo destacar a vocación ecolóxica desta firma que está a poñer en produción castaños que levaban anos abandonados e que coa súa revitalización contribúen tamén a preservar o monte dos incendios forestais.
Amarelante foi merecedora do Premio ao Cooperativismo que concede a Xunta de Galicia cada ano na súa edición de 2015. Tamén a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) outorgoulle o recoñecemento como proxecto que loita contra o abandono de avoga pola mobilidade de terras.