Aneiros lembra que permanece aberta a liña de axudas para a mellora de infraestruturas nos parques empresariais

Aneiros lembra que permanece aberta a liña de axudas para a mellora de infraestruturas nos parques empresariais

  • A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da localidade, Fernando Couce, supervisou esta mañá as obras executadas no Parque Empresarial de Vilar do Colo con cargo á anterior convocatoria.

     
  • Lembrou que a Xunta mantén aberta esta liña ata o vindeiro 4 de marzo cunha contía máxima de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as conxuntas.

     

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou hoxe de que ata o vindeiro 4 de marzo permanece aberta a liña de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia, dotadas dun crédito de 3,45 M€. Aneiros destacou esta convocatoria no marco dunha visita, acompañada do alcalde da localidade, Fernando Couce, ao Parque Empresaria de Vilar do Colo onde supervisou as obras de mellora de viais interiores executadas polo Concello cunha achega autonómica de máis de 37.000 euros.

A representante do Goberno galego lembrou que estas axudas destinadas aos concellos cobren ata o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos dos parques empresariais para contribuír á súa integración paisaxística.

As axudas cobren actuacións como a implantación de melloras na iluminación pública, plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias tanto de acceso como interiores ao parque empresarial ou servizos centralizados de subministración de gas ou hidróxeno.

A delegada territorial destacou que, a través desta convocatoria, o Goberno galego favorece a implantación e fixación de empresas, xa que lles permite dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade. “O obxectivo é xerar unhas condicións e uns servizos óptimos que fagan máis atractiva a implantación inicial e a consolidación das empresas nas súas primeiras etapas”, indicou Aneiros.

Lembrou que a Xunta resolveu na anterior convocatoria axudas por importe de case 470.000 euros destinadas a cinco concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.