Belén do Campo anima a concellos e praceiros a solicitar as axudas de 2,3 M€ para modernizar, potenciar e dinamizar os seus mercados de abastos
Belén do Campo anima a concellos e praceiros a solicitar as axudas de 2,3 M€ para modernizar, potenciar e dinamizar os seus mercados de abastos
A delegada da Xunta informou no mercado de Elviña que a convocatoria deste ano permanecerá aberta ata o 2 de marzo distribuídos nas anualidades 2026 e 2027.
A representante do Goberno autonómico destacou a importancia de aproveitar esta convocatoria, subliñando que se trata dunha oportunidade real para mellorar estes espazos clave para a economía local e o comercio de proximidade.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá o mercado de Elviña, acompañada por Leonardo Tomé, presidente dos praceiros, para animar aos concellos e ás asociacións a solicitar as axudas deste ano destinadas a dinamizar, modernizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia, así como a impulsar a súa certificación como mercados excelentes. Belén do Campo destacou a importancia de aproveitar esta convocatoria, subliñando que se trata dunha oportunidade real para mellorar estes espazos clave para a economía local e o comercio de proximidade.
A nivel provincial, a representante do Goberno autonómico lembrou que no 2025 recibiron estas axudas 13 concellos por un importe global superior ao millón de euros, ademais de dúas asociacións de praceiros, que percibiron preto de 20.000 euros para accións de dinamización comercial, o que amosa —segundo indicou a delegada— “o impacto positivo desta liña de apoios no territorio”. A nivel Galicia un total de 31 concellos galegos e 14 asociacións e federacións de prazas de abastos recibiron, o ano pasado, as axudas da Xunta por un valor próximo a 3,2 millóns de euros.
Convocatoria 2026
A convocatoria deste ano permanecerá aberta ata o 2 de marzo e conta cun orzamento de preto de 2,3 millóns de euros, distribuídos nas anualidades 2026 e 2027. Está dirixida principalmente a concellos, asociacións, cooperativas e federacións de prazas de abastos e mercados. A nova edición incorpora axustes adaptados á realidade do sector co obxectivo de chegar a máis beneficiarios, como a posibilidade de que accedan ás axudas as asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro que conten entre os seus asociados cun mínimo do 50 % de praceiros, sempre que non exista unha asociación específica na praza correspondente.
Entre as novidades tamén destaca a ampliación do período subvencionable no caso dos concellos, para facilitar a execución dos proxectos, así como a simplificación e axilización do procedemento de concesión das axudas. Así, no caso dos concellos, exixirase menos documentación complementaria e simplificarase o procedemento de concesión e de pagamentos anticipados co obxecto de axilizar as achegas. A intensidade do apoio acada o 80 % do investimento subvencionable.
No caso dos concellos que xa dispoñan do selo Mercado Excelente, poderán recibir ata 112.000 euros para actuacións de mantemento e mellora, como obras de acondicionamento, mellora de servizos á clientela ou accións formativas e comerciais. Pola súa banda, aqueles que aínda non conten co distintivo poderán acceder a axudas de ata 320.000 euros para accións accións previas para acadar o selo, como a preparación —ou actualización, se é o caso— da diagnose da situación e usos do mercado, formación dos praceiros e praceiras ou elaboración da documentación técnica. Os que xa teñan completada a diagnose, poden acollerse a apoios para obras de rehabilitación, melloras de accesibilidade, equipamento comercial ou instalación de sistemas de eficiencia enerxética
As asociacións de prazas de abastos e cooperativas de vendedores poderán optar a axudas de ata 11.200 euros para o mantemento de marketplaces, material promocional ou servizos de fidelización. As federacións de prazas de abastos poderán recibir ata 40.000 euros para campañas comerciais ou eventos, mentres que outras asociacións sen ánimo de lucro contarán cunha achega máxima de 7.200 euros para campañas de dinamización comercial.
Esta orde de axudas enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que fixa como obxectivo alcanzar as 25 prazas de abastos certificadas como Mercado Excelente no ano 2030, consolidando así unha rede de espazos modernos, innovadores e sostibles, sen renunciar á súa identidade e tradición.




