Belén do Campo anima aos obradoiros artesáns, concellos e a asociacións profesionais a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia
Belén do Campo anima aos obradoiros artesáns, concellos e a asociacións profesionais a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia
A delegada da Xunta visitou as instalacións da entidade Artefíos que conta cun centro especial de emprego beneficiario o ano pasado destas achegas.
Esta orde apoia a asistencia de artesáns do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia a feiras de todo o mundo e financia a súa organización desde concellos ou asociacións de artesáns.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de xullo de 2025.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou, esta mañá, o centro Artefíos que conta cun centro especial de emprego
Belén do Campo destacou que esta entidade aposta pola integración das persoas con diversidade funcional no ámbito laboral, social e persoal, ofrecendo un espazo de confianza, respecto e apoio individualizado, que contribúe ao logro dun desenvolvemento vital pleno. Segundo explicou Belén do Campo “realizan un extraordinario traballo para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e para favorecer o seu desenvolvemento persoal e social”.
Belén do Campo destacou que esta entidade conta cun centro especial de emprego, que aposta pola integración laboral real a través dun tear artesanal no que traballa un profesional con discapacidade intelectual. Este centro conta cun apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración , este ano, de máis de 13.000 euros, para financiar o custe salarial de dous traballadores. Entre as pezas que se confeccionan atópanse chalecos, bufandas, toallas e diferentes tecidos, todos eles recoñecidos coa marca oficial de Artesanía de Galicia.
O centro especial de emprego ten como principal obxectivo ofrecer unha experiencia laboral remunerada e significativa, que sirva de ponte para o paso ao emprego ordinario, favorecendo así a plena inclusión das persoas con diversidade funcional no mercado laboral. Neste senso, destacou que Artefíos contou co apoio de Artesanía de Galicia, o ano pasado, para o fomento da comercialización dos seus produtos apoiando a súa presenza en feiras.
Axudas Artesanía de Galicia
Neste senso, a representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta ten aberto o prazo da orde de axudas 2025 para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia da que se poden beneficiar os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e os concellos e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns/ás para promover a organización de feiras neste ámbito, e animou aos posibles beneficiarios a solicitar estas achegas antes de que remate o prazo para solicitalas.
Dos 265.000 € de orzamento cos que conta esta orde —cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata este xoves 17 de xullo— 180.000 euros están destinados aos artesáns e artesás, 50.000 aos consistorios e 35.000 ás asociacións. Con esta nova edición o Goberno galego fortalece a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e continúa apoiando a asistencia a feiras e a súa organización atendendo á importancia deste sector en Galicia, tanto no ámbito social e cultural como no relacionado coa xeración de emprego e riqueza.
A delegada explicou que a Xunta apoia a asistencia a feiras profesionais ou feiras de venda directa, de ámbito nacional e internacional, por parte de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, financiándolles aspectos como o alugueiro do espazo expositivo, seguros, servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento das feiras, servizos de tradución e transporte profesional do material expositivo, entre outros. Os obradoiros beneficiarios poderán recibir unha subvención máxima de 8.000 euros a través de tíckets por feira que irán dos 400 euros de mínimo en feiras de venda directa aos 3.000 euros de máximo en feiras profesionais, pasando polos 1.500 euros para feiras de Nadal.
No caso dos concellos, como novidade desta convocatoria, soben as contías máximas de axuda tanto para a organización de feiras monográficas —as que son dun mesmo oficio tradicional— como non monográficas —as que inclúen distintos oficios—. Para as feiras monográficas, a cantidade máxima de apoio sobe a 18.000 euros fronte a anterior, que era de 15.000 e no caso das non monográficas poderá ser de ata 8.000 euros en función da porcentaxe de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen. Ata agora as cantidade máxima podía chegar ata os 3.000 euros.
No caso das asociacións de artesáns, diríxense a aquelas nas que cando menos o 80% dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e as achegas poden chegar aos 18.000 euros con feiras ou eventos de artesanía de máis de 30 obradoiros involucrados e tamén poden optar a apoios para manter as súas páxinas web.
Centro ocupacional
A representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor a colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade co traballo desta asociación. En 2025, a Xunta financiou 15 prazas deste centro ocupacional, cunha achega que ascende a 133.000 euros, cun incremento importante con respecto a 2024 que foi de 126.000 euros.
O centro ocupacional está dirixido a persoas de entre 18 e 60 anos con discapacidade intelectual e necesidades de apoio. Este servizo ofrece atención integral a través de talleres e actividades orientadas ao desenvolvemento de habilidades persoais e sociais. Entre as accións que se levan a cabo destacan, obradoiros de téxtil e xoiería, estimulación cognitiva e actividades formativas, informática, creación de revistas e actividades manipulativas, ximnasia, expresión artística e saídas culturais e programas de colaboración comunitaria
Belén do Campo comprobou que estas actividades buscan fomentar a autonomía, a autoestima e a participación social das persoas usuarias.
“Desde a Xunta seguiremos reforzando o apoio a entidades que, como esta asociación, traballan a diario para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e respectuosa coa diversidade”, salientou a delegada durante a visita.




