Belén do Campo destaca o apoio da Xunta aos comerciantes coa aprobación no 2025 do Plan estratéxico do comercio para afrontar os retos deste sector
Belén do Campo destaca o apoio da Xunta aos comerciantes coa aprobación no 2025 do Plan estratéxico do comercio para afrontar os retos deste sector
A delegada da Xunta mantivo un encontro cos representantes da Asociación Zona Comercial Obelisco para recoller as súas propostas e informar dos apoios do Goberno galego a este colectivo.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, cos representantes da Asociación Zona Comercial Obelisco, a máis antiga de Galicia, para escoitar as súas propostas. No encontro informoulle dos apoios e das medidas polas que aposta a Xunta de Galicia dirixidas a este colectivo.
Belén do Campo destacou que o comercio ten unha enorme relevancia na xeración de emprego, na dinamización das economías locais e como fonte de vida dos barrios e vilas, subliñando que para a Xunta é absolutamente prioritario o apoio a este sector, que xera na Comunidade 107.000 postos de traballo.
Esta aposta reflíctese, segundo apuntou, nos orzamentos de 2025 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co obxectivo de seguir garantindo a súa viabilidade como máximo referente dun servizo de proximidade e de calidade que, ademais, contribúe a xerar oportunidades no territorio e a fixar poboación.
Entre as medidas nas que está a traballar o Goberno galego figura o Plan estratéxico de comercio 2025-2030 -actualmente en proceso de elaboración da man de todos os axentes implicados- que se presentará no primeiro trimestre co obxectivo de dotar ao sector das medidas e ferramentas necesarias para afrontar os retos que teñen por diante, así como para garantir a súa necesaria remuda xeracional.
A delegada tamén lembrou que no 2025 haberá apoios dirixidos á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4M€) ou para o desenvolvemento de plans formativos para este eido económico (250.000€). Respecto da Fundación Artesanía de Galicia, trasladou que contará con 1,2M€ (un 14% máis).
Así mesmo, explicou que se afondará no impulso das prazas de abastos e a súa certificación co selo de Mercados Excelentes, promovendo tamén o seu potencial dinamizador a través dun orzamento total de 6,8 millóns de euros. E confirmou que, o ano que vén, volverá a convocarse o Bono Activa Comercio.
Ademais, sinalou, a Xunta promoverá iniciativas innovadoras de dinamización comercial como o proxecto piloto Vilas vivas, que comezará no mes de decembro apostando por espazos efémeros ligados ao territorio para seguir implementando esta iniciativa posteriormente noutras cabeceiras de comarca.
Autónomos
A delegada tamén puxo en valor a aposta do Goberno galego por facilitar o labor das persoas traballadoras autónomas e puxo como exemplo a simplificación para 2025 nunha única orde de 40 millóns de euros das axudas específicas para este colectivo. Trátase dunha medida, expuxo, sobre a que se avanza no marco da Mesa do Traballo Autónomo, ferramenta que a Xunta seguirá potenciando no 2025.