Belén do Campo visita en Aranga a Oficina Móbil de Retorno da Xunta, un recurso clave para asesorar aos galegos do exterior que deciden volver a súa terra

Belén do Campo visita en Aranga a Oficina Móbil de Retorno da Xunta, un recurso clave para asesorar aos galegos do exterior que deciden volver a súa terra

  • Este servizo complementa as oficinas permanentes de atención ao retorno situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

     
  • Desde 2020, os técnicos, tanto das oficinas fixas como da móbil, levan atendido en Galicia máis de 30.000 familias e tramitadas 152.000 consultas, asesorando sobre axudas, trámites administrativos ou ofrecendo orientación laboral.

     

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde do concello de Aranga, Alberto Platas, visitou está mañá, a Oficina Móbil de Atención ás Persoas Emigrantes Retornadas no Campo da Feria da Castellana en  Aranga. Este servizo continúa o seu labor como recurso innovador destinado a facilitar o retorno e a integración dos galegos que regresan a súa terra tras residir no estranxeiro. A oficina móbil ofrece atención personalizada e apoio para atender as necesidades específicas das persoas retornadas e das súas familias. “Retornar é un dereito pero somos conscientes de que non é fácil e que se precisa apoio despois de tomar esta decisión valente para poder integrarse e sentirse a gusto desde o primeiro día na que sempre foi a súa terra”, indicou Belén do Campo.

Esta unidade móbil percorreu 76 concellos das catro provincias, 23 dos cales pertencen á provincia da Coruña, en menos dun ano, asesorando a centos de familias. Ao longo dos vindeiros meses, esta oficina itinerante sigue percorrendo diversos concellos de Galicia, levando os seus servizos tanto ás áreas rurais como periurbanas. A súa mobilidade permite garantir que todas as persoas retornadas teñan acceso directo á información e ó asesoramento necesarios para un regreso exitoso, independentemente da súa localización xeográfica.

O labor da oficina móbil -con máis 250 visitas desde 2024— compleméntase co desenvolvido nas cinco oficinas permanentes situadas nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago, nas que lévanse atendidas máis de 152.000 consultas desde a súa posta en marcha no pasado 2020, atendendo a máis de 30.000 familias —preto de 20.000 só nas oficinas da provincia da Coruña—. 

Ao abeiro destas cifras, Belén do Campo destacou a importancia desta iniciativa —enmarcada no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna—  que se confirma como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno, a integración e o acompañamento permanente aos galegos que deciden regresar á súa terra. Nese senso, sinalou que Galicia é hoxe unha terra de oportunidades á que poden voltar para sumar o seu talento e capacidades ao mercado de traballo —ben por conta allea ou propia— contribuíndo a cubrir vacantes e tamén a afrontar o propio reto demográfico.

Acompañamento permanente no retorno

Entre os servizos que se ofrecen a través destas oficinas —tanto nas fixas como na móbil— atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, a vivenda, a educación, a Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.

Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. A este respecto —e co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior—, o novo plan de formación do Servizo Público de Emprego de Galicia tamén está destinado ao persoal destas oficinas de retorno, para seguir avanzando na eficacia do servizo.

Neste senso, a delegada da Xunta reafirmou o compromiso da Xunta cos emigrantes galegos que se viron obrigados a buscarse a vida noutros lugares e axudaron “a construír a Galicia das oportunidades” e, ademais do “dereito” que teñen a  regresar a súa terra, afirmou que súa volta é “fundamental para afrontar o reto demográfico”.