Cerca de cen persoas fórmanse na academia ‘Emprende Makers’ da Xunta para a posta en marcha de ideas de negocio xuvenís e innovadoras

Cerca de cen persoas fórmanse na academia ‘Emprende Makers’ da Xunta para a posta en marcha de ideas de negocio xuvenís e innovadoras

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou hoxe a academia de ‘makers’ Vermislab que promove en Santiago de Compostela as vocacións científicas e tecnolóxicas a través dun modelo educativo innovador

Destacou que o traballo da Academia Makers permitiu estrear a actividade na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia

Ardao subliñou que a cultura ‘maker’, baseada no “faino ti mesmo”, supón un “activo crucial” para a sociedade e o seu tecido empresarial e industrial

Cerca de cen persoas xa tomaron parte nas actividades da academia Emprende Makers posta en marcha pola Xunta de Galicia para formar en competencias básicas do emprendemento maker. A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou hoxe a firma Vermislab, un centro radicado en Santiago de Compostela, que favorece á formación neste modelo de desenvolvemento empresarial baseado no “faino ti mesmo”.

Ardao aproveitou a visita para facer balance da academia Emprende Makers, impulsada polo Goberno galego para “democratizar a transformación dixital, potenciar a formación e o intercambio de coñecementos e para favorecer a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade”, indicou.

A cultura maker constitúe, segundo remarcou Ardao, un activo crucial para a sociedade e para o seu tecido empresarial e industrial, ao aportar innovación e reinventar a actividade empresarial usando tecnoloxías de fabricación dixital baixo a filosofía do “faino ti mesmo”.

O programa, que está financiado ao 75% no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2014-2020, permitiu desenvolver accións nos polos de emprendemento de Verín (Ourense Sur), Silleda (Pontevedra Norte e Rías Baixas), Coristanco (Costa da Morte) e no centro de desenvolvemento local de Vilanova de Arousa (Pontevedra), que chegaron a 98 persoas usuarias que adquiriron coñecementos para aplicar ás súas ideas de negocio.

“Estas actividades formativas serviron para inaugurar a nova Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, cos que a Xunta quere ser a antena do territorio que recolla as necesidades do tecido empresarial, identifique a cualificación das persoas traballadoras que precisa, e estableza conexión con axentes vinculados co emprendemento na comunidade”, indicou a directora xeral.

Durante este decembro, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolverá actividades de asesoramento e mentoring ás iniciativas emprendedoras xurdidas durante a Academia Maker, co obxectivo de fomentar as accións innovadoras de carácter tecnolóxico que conecten ao mundo maker co ecosistema empresarial.

Tamén se celebrarán, tal e como detallou Ardao, cadanseus cursos en liña de formación dirixidos ao emprendemento na Eurorrexión en procesos de internacionalización e acceso a mercados exteriores e ao coñecemento de ferramentas de acceso a financiamento. O prazo de inscrición permanece aberto en ambos os dous casos e se pode formalizar a participación a través de formularios distintos para o de internacionalización e, por outra banda, o de financiamento.

En paralelo, a Xunta puxo en marcha unha serie de obradoiros  en tecnoloxías maker, coa finalidade de potenciar a creatividade en campos como a ciencia, a tecnoloxía e o deseño, brindando unha aprendizaxe baseada en proxectos e que fomenta o pensamento de deseño, a innovación e a aprendizaxe experiencial, así como as habilidades socioemocionais.

A súa impartición tivo lugar durante a pasada celebración do II Salón da oferta de educación e formación de Galicia (Edugal) en Pontevedra, no que tomou parte a empresa Vermislab, hoxe visitada por Margarita Ardao, que puxo en valor o traballo desta academia no favorecemento das vocacións científicas e tecnolóxicas a través dunha metodoloxía baseada na innovación educativa.