Como potenciar a nosa resiliencia para adaptarnos aos cambios

Compartir

Actualmente fálase moito do termo RESILIENCIA. Pero que é a resiliencia ou como se sente?

Para a resiliencia temos un concepto máis clásico, que é esa capacidade de ante unha adversidade saír fortalecidos, pero nós entendemos máis a resiliencia como xerativa e, polo tanto, non é preciso agardar a que nos pase nada para ser resilientes, senón que a resiliencia se debe traballar xa desde que estamos no ventre materno. E entendémola como esa xeración de oportunidades, esa capacidade que temos para xerar oportunidades na vida e nas situacións da vida. E non é unha cuestión só de sentir, senón de ser resiliente, e por iso ese verbo de resiliar, de estar en acción.

Como pode saber unha persoa se é resiliente ou non? Podes poñernos algún exemplo concreto do día a día no que poidamos identificar como se materializan os trazos ou accións asociadas a unha persoa resiliente?

Normalmente, cando unha persoa pasa por unha situación complexa ou de alta vulnerabilidade e sae fortalecida desa situación, sente cunha especie de orgullo de vencer esa dificultade e aí é cando a persoa pode recoñecer que foi resiliente diante desa situación. Temos que entender que a resiliencia é un proceso non é un estado, ou sexa non é que sempre sexamos resilientes, senón que algunhas veces poidamos ser máis ou menos resilientes depende de moitos factores que están relacionados coa resiliencia. E exemplos hai moitos, podemos falar a nivel persoal, mais tamén podemos falar a nivel de familias, de escolas, de organizacións, de países ou de estados. Cando, por exemplo, un mesmo pobo fai fronte a unha situación dun volcán como foi na Palma, ou fai fronte como humanidade á pandemia. Ou situacións moito máis persoais, que diante dun despedimento, dunha separación dunha enfermidade ou dun abuso podes redirixir a túa vida cun sentido máis positivo.

En caso de non identificarme como unha persoa resiliente, que hábitos ou recursos podería poñer en marcha para desenvolvela ou potenciala?

A resiliencia comézase a traballar xa desde que estamos no ventre materno, ou sexa, hai un compoñente que é xenético, que nos vén pola herdanza do noso pai ou a nosa nai, mais hai unha cousa previa, xustamente que é cando estamos no ventre materno, se a nai está tensa temos tamén menos posibilidades de ser resilientes. E, polo tanto, a resiliencia teríase que comezar a traballar xa desde que estamos no ventre materno. No embarazo, coidando que a nai estea ben e que non estea tensa, e desde que nacemos o primeiros tres anos tamén son fundamentais para ese vínculo seguro. Se garantimos todo iso, xa temos máis posibilidades de ir desenvolvendo a resiliencia aos poucos durante a vida e de ir tendo eses recursos para facer fronte ás diferentes adversidades ás que nos imos enfrontar.

Unha vez entendido o concepto, poderías dicirnos que relación ten este trazo co cambio? Como o beneficia ou impulsa?

As persoas diante do cambio podemos actuar de dúas maneiras, as dúas son lexítimas: unha é con medo ao cambio e a outra é con curiosidade. Esta é a situación, por exemplo, que vivimos na pandemia: houbo xente que o viviu con medo, quedou encerrada, e despois custoulle moito saír á sociedade outra vez. E outras persoas que o viviron como unha curiosidade, é dicir, vale, neste momento non podo facer certas cousas, mais si que podo facer moitas outras, entón aproveito esta situación para facer cousas que noutras circunstancias non podería facer. E dedicáronse a redecorar a casa, ou a estar máis tempo coa familia, ou a estar máis pendentes dos amigos ou o que fose. A resiliencia tería que ver máis con este segundo bloque de persoas, aquelas que, ante unha situación de cambio, aproveitan a unha oportunidade para xerar novas accións, ou novas posibilidades ou novos resultados.

Unha vez identificada a resiliencia na persoa e levando este concepto á estrutura organizativa, podes explicarnos como se mostra ou desenvolve a resiliencia nos equipos de traballo?

Ao nivel das organizacións, a resiliencia é unha resiliencia máis comunitaria da propia organización e pódese traballar tamén desde diferentes áreas. Por exemplo, unha cousa que moitas veces esquecemos e que é fundamental para a resiliencia é o HUMOR. O humor no traballo e nas organizacións parece que non o tomamos moi en serio, e o humor é unha cousa moi seria. Por que? Para, por exemplo, facer fronte aos diferentes problemas, ou ás complexidades ou ás incertezas nas que estamos. O humor axúdanos a buscar esa distancia para poder ver a solución. Entón traballar o humor ou ter esa presenza do humor nas organizacións podería ser un dos elementos que nos axude a ter unha organización resiliente. Sen banalizar nin con sarcasmo, senón cun humor intelixente. Outro dos elementos clave nas organizacións é tecer redes entre os diferentes departamentos, entre as diferentes xerarquías que poida haber. E que a xente se sinta comprometida coa súa institución. E iso conséguese xustamente participando responsablemente de cada unha das decisións que se tomen nas organizacións. Canto máis participo, máis me sinto parte e máis loito por defender os dereitos e os intereses da organización en concreto.

E en canto a unha empresa, que é ou como se identifica a resiliencia organizacional e como pode axudar ao desenvolvemento dun negocio?

Unha organización resiliente é aquela que identifica que saíu fortalecida das diferentes «fochancas» que imos vivir.

Stanley Bendelac é un gran home da publicidade, ten 2 grandes libros. Un é Nunca tires a toalla e o outro leva o título de Non importa como caes senón como te levantas. É tomar conciencia como empresa de que vai haber momentos de todo, vai haber momentos de éxito empresarial, mais tamén haberá momentos de non éxito e hai que estar preparados para facer fronte a eses momentos. E ese facer fronte significa ter unha boa rede de apoio para poder sufragar, navegar, surfear esa onda dos negocios. Temos que tomar conciencia de que non imos estar sempre na onda do éxito, senón que haberá momentos de todo, e hai que estar preparado para as baixadas, xustamente para coller impulso para tirar adiante. Cando unha empresa pasou por todo iso e sae fortalecida, aí ten os recursos para noutras circunstancias volvelos a mobilizar.

Anna Forés

Doutora en Filosofía e Ciencias da Educación.
Licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Barcelona