Dozón, Agolada e Rodeiro clausuran o obradoiro de emprego da Xunta con alumnos xa empregados

Dozón, Agolada e Rodeiro clausuran o obradoiro de emprego da Xunta con alumnos xa empregados

  • Estes cursos contan cun investimento de máis de medio millón de euros e combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas.

  • O alumnado levou a cabo un importante traballo de mellora e acondicionamento dos xardíns e zonas verdes destes tres concellos.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros nos concellos de Dozón, Agolada e Rodeiro.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Auxiliar en conservación e mellora de montes e Repoboación forestal e tratamentos silvícolas.

O alumnado aprendeu todo o necesario para levar a cabo estas profesións que contan cunha gran demanda no mercado laboral. Para elo contaron cun gran equipo de docentes especializados. Os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas. Estas prácticas levaron aos participantes a realizar obras e traballos para o seu concello que beneficiaron directamente os seus veciños.

Así, entre outras actuacións, o alumnado traballou na conservación e mantemento de zonas públicas, áreas recreativas, parques, campos da festa e zonas verdes de titularidade municipal dos concellos de Agolada e Dozón. Pola súa banda, o concello de Rodeiro puido acondicionar as zonas verdes da parcela da praza e mellorar a imaxe dos seus xardíns públicos.

Os bos resultados obtidos chamaron a atención de varias empresas que se interesaron polos participantes, tanto é así que varios alumnos rematan o obradoiro de emprego dual cun contrato laboral. Tamén hai alumnado que decidiu apostar por seguir formándose nestas áreas.

O delegado territorial quixo felicitar ao alumnado polo “bo traballo realizado” e animar a todos os que aínda non conseguiron un emprego nesta área a “seguir formándose e buscando a oportunidade que merecen”.

Reguera aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por un investimento de preto de 7 millóns de euros.