O Diario Oficial de Galicia convoca axudas por valor de case 15 M€ para a contratación de máis de mil persoas desempregadas en concellos de Galicia en 2024

O Diario Oficial de Galicia convoca axudas por valor de case 15 M€ para a contratación de máis de mil persoas desempregadas en concellos de Galicia en 2024

  • O DOG publicita hoxe dúas convocatorias: unha primeira, dotada con 7,5M€ para que as entidades locais incorporen 600 persoas en exclusión social e unha segunda, con 7M€, para fomentar o emprego rural coa incorporación de persoas desempregadas.
  • En ambos os dous casos son beneficiarios das axudas concellos que poden optar ás achegas sos ou agrupados.

  • O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 26 de febreiro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias que, cun investimento total de 14,6 millóns de euros, favorecerán a contratación de 1.100 persoas desempregadas nuns 300 concellos de Galicia. Trátase, por unha banda, de impulsar a incorporación de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e, doutra, de dar acceso ao emprego a galegos en paro para a realización de tarefas en contornas rurais, relacionadas principalmente coa prevención de incendios nos municipios.

A Xunta de Galicia favorecerá así, por unha banda, a contratación por parte dos concellos dunhas 600 persoas en risco de exclusión social perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) por un investimento de máis 7,6 millóns de euros.

As axudas diríxense a entidades locais galegas e comprenden achegas para sufragar os custos salariais, incluída a cotización á Seguridade Social. Con independencia da duración do contrato, o período de contratación subvencionable será de nove meses e a xornada de traballo será como máximo do 75%, non podendo en ningún caso ser inferior ao 50%.

Como condición, as persoas contratadas -mulleres e homes en situación ou risco de exclusión social- deberán estar inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia e ser perceptoras da Risga. Terán preferencia os homes e mulleres que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as traballadoras con cargas familiares.

Serán as entidades locais beneficiarias as que se encarguen de realizar a selección das persoas candidatas. Seguiranse os criterios establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura das ofertas, polo que non será aplicable a normativa para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas.

Aprol Rural

Doutra banda, a Administración autonómica convoca un ano máis as axudas do programa Aprol Rural, dirixido a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta, promovan a contratación dunhas 490 persoas.

Os traballadores incorporados destinaranse á realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias: planificación preventiva, a valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.

A efectos de seren beneficiarios, esta orde considera concellos rurais todos os galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Con carácter xeral outorgarase subvención para un contrato nos concellos, aínda que as prazas con apoio poden chegar a catro atendendo a que a solicitude a realicen entidades fusionadas ou municipios emprendedores.

As achegas darán cobertura aos custos salariais totais das persoas incorporadas.

O obxectivo de ambas as dúas convocatorias, con prazo de solicitude aberto ata o próximo 26 de febreiro, consiste en proporcionar aos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo a experiencia e práctica profesional que precisan.

Con medidas como estas, a Xunta persegue mellorar a empregabilidade dos participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas desocupadas, co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.