Galicia comparte con outras CCAA medidas pioneiras como a ferramenta EMI e as microformacións para estender a súa aplicación a prol da empregabilidade
Galicia comparte con outras CCAA medidas pioneiras como a ferramenta EMI e as microformacións para estender a súa aplicación a prol da empregabilidade
Fixo fincapé na necesidade de que o Executivo estatal teña en conta ás comunidades autónomas para atender de xeito eficaz retos como o de axustar as políticas activas de emprego á realidade do mercado.
Remarcou a potencialidade do software EMi, centrado nos demandantes efectivos de emprego, que posibilitará realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas, o que facilitará novas oportunidades laborais e abordará a escaseza de man de obra.
Referiuse tamén á efectividade do programa de seguimento intensivo de demanda de emprego, que está permitindo reforzar a eficacia das políticas activas de emprego.
Afondou no compromiso da Xunta polas microformacións para atender as necesidades das empresas galegas e na súa eficacia nos programas de arraigamento para a formación cos que Galicia promove a integración sociolaboral dos migrantes.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na xornada Innovación para a intermediación e activación laboral, un encontro no que se dan cita responsables de formación para o emprego de gobernos autonómicos de España e no que Galicia presentou o software pioneiro EMi que ten implantado nas oficinas de emprego, así como outras medidas para mellorar a empregabilidade, como a aposta polas microformacións.
O obxectivo desta xornada técnica -que contou coa participación das direccións homólogas en materia de formación para o emprego de Andalucía, Asturias, Baleares, Cantabria, Estremadura, Madrid, Murcia e Comunidade Valenciana- é dar visibilidade ás boas prácticas en materia de políticas activas de emprego impulsadas pola Xunta, coa vontade de que poidan servir de exemplo para a súa aplicación noutras rexións, explicou o conselleiro.
Neste sentido, José González deu conta da aposta da Xunta por xerar emprego de calidade, apoiándose nas novas tecnoloxías co fin de atender as necesidades de empresas e de traballadores para casar a oferta e a demanda. Ademais, fixo fincapé na necesidade de que o Executivo estatal teña en conta ás comunidades autónomas para atender de xeito eficaz retos como o de axustar as políticas activas de emprego á realidade do mercado, tendo que conta que son as autonomías as que teñen as competencias nesta materia.
Dentro das medidas que está a impulsar o Goberno galego neste eido, está a ferramenta EMi ou o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego. Sobre ambas iniciativas se realizan talleres na xornada de hoxe para que os participantes poidan analizar as posibilidades de implantalas nas súas rexións, dando continuidade así á reunión mantida no mes de xullo co secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey.
EMi e o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego
En relación con EMi -ferramenta pioneira en España e en Europa-, José González lembrou que ten como fin cubrir a demanda de man de obra e que permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas. Esta tarefa céntrase nas persoas que buscan de xeito activo traballo, cuestión que se garante co programa de seguimento intensivo de demanda de emprego. Entre as vantaxes que ofrece EMi, salientou que relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións.
Impulso das microformacións
No que respecta ás microformacións, o conselleiro reiterou de novo as demandas feitas polo Executivo galego ao Goberno central para trasladarlle a necesidade de flexibilizar os fondos de formación para o emprego ou para que se manteñan as experiencias curtas de aprendizaxe no novo regulamento de Estranxeiría, destacando a efectividade constatada por Galicia nos programas de arraigamento para a formación, cos que a Comunidade promove de xeito pioneiro a integración sociolaboral das persoas migrantes sen regularizar. Un ámbito no que o Goberno galego tamén solicita ao Executivo estatal maior axilidade na tramitación dos expedientes e na homologación dos títulos formativos.
Tamén puxo de relevo o traballo da man das empresas para axustar a formación de xeito áxil ás necesidades do tecido produtivo co fin de facer fronte ao reto da cobertura de vacantes no mercado laboral. Neste eido citou a convocatoria de axudas pioneira destinada especificamente a accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas e a creación dunha rede pioneira de centros asociados de formación para o emprego para impartir a persoas desempregadas formación profesional das especialidades máis demandadas. Tamén destacou o futuro Centro de formación autonómico, que se instalará na Coruña, e especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital, en liña coas demandas do mercado.