Galicia terá como festivos propios o 17 de maio e o 25 de xullo para o próximo ano 2024
Galicia terá como festivos propios o 17 de maio e o 25 de xullo para o próximo ano 2024
A normativa estatal fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos concellos.
Dos 12 festivos de ámbito nacional, 9 son obrigatorios e só poden ser substituídos, cando coincidan en domingo, polo luns seguinte ou por outro día que lle sexa de interese á Comunidade Autónoma.
En 2024 prodúcese esta circunstancia o 8 de decembro, Inmaculada Concepción, que coincide en domingo, polo que Galicia propón cambialo polo día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Os tres días festivos de carácter opcional, é dicir que se poden substituír, non se adoitan cambiar en Galicia: Día de Reis; Xoves Santo; e, entre San Xosé ou o Día Nacional de Galicia, na Comunidade escóllese sempre o 25 de xullo como festivo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu conta hoxe do calendario laboral de Galicia para o próximo ano 2024 e do que adiantou que se fixan como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo), “que son os mesmos que determinamos este ano”, lembrou.
Rueda explicou que a normativa estatal establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Segundo espeficou, destes 14 festivos, dous son locais, ao ser elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles, a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (29 de marzo en 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2024 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 8 de decembro (Inmaculada Concepción), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, día das Letras Galegas.
O presidente da Xunta indicou que os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, “é dicir, as comunidades poden cambailos”, precisou. Serían o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, “agás que coincida en domingo”; o Xoves Santo (que en 2024 se celebrará o 28 de marzo), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; canto ao terceiro, dáselles a opción ás comunidades de escoller entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Na Comunidade galega sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia en 2024 que se determinan son: Aninovo, 1 de xaneiro; Epifanía do Señor (Día de Reis), 6 de xaneiro; Xoves Santo, 28 de marzo; Venres Santo, 29 de marzo; Festa do Traballo, 1 de maio; Día das Letras Galegas, 17 de maio; Día Nacional de Galicia, 25 de xullo; Asunción da Virxe, 15 de agosto; Festa Nacional de España, 12 de outubro; Todos os Santos, 1 de novembro; Día da Constitución Española, 6 de decembro; e Natividade do Señor, 25 de decembro.
Unha vez aprobados os festivos de carácter autonómico por parte do Consello da Xunta, publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais, levarase a cabo, por cada un dos concellos galegos, a determinación de dous días como propios da súa localidade. Non será necesario que o decreto autonómico estea publicado, só será necesaria a aprobación para que os concellos elixan os festivos locais.