A Xunta subliña que o Programa FSE+ Galicia 21-27 terá como obxectivo facer unha comunidade máis social e inclusiva co emprego como eixe clave de actuación

A Xunta subliña que o Programa FSE+ Galicia 21-27 terá como obxectivo facer unha comunidade máis social e inclusiva co emprego como eixe clave de actuación

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou o acto de lanzamento do Programa deste fondo para os vindeiros anos

Dos máis de 1.000 M€ asignados a Galicia, o Goberno galego xestionará preto de 449 millóns

O acto estivo clausurado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que o Programa FSE+ Galicia 21-27 terá como obxectivo facer unha comunidade máis social e inclusiva, co emprego como eixe clave de actuación.

Durante o acto de presentación, no que tamén participaron a directora en funcións da dirección xeral de Condicións de Traballo e Diálogo social na dirección xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, María Iglesia, e o subdirector xeral da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE), do Ministerio de Trabajo, Ángel García, o conselleiro precisou que dos 1.017 millóns de euros asignados a Galicia, a Administración galega xestionará preto de 449 M€, mentres que o resto dos recursos estarán a cargo da Administración xeral do Estado, a través dos programas plurirrexionais.

Deses 449 millóns de euros, máis de 116 millóns destinaranse a políticas de emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social e uns 56 M€ ao emprego xuvenil. Entre os obxectivos que se perseguen están o de impulsar a formación de ocupados e parados, a través de accións formativas de corta duración; a mellora das capacidades do sistema público de emprego e a creación de empresas innovadoras vinculadas aos Polos de emprendemento. Tamén se vai seguir avanzando no fomento do emprego autónomo, con actuacións específicas para o emprendemento feminino e con medidas para impulsar a corresponsabilidade e mellorar a empregabilidade da mocidade.

A inclusión social e loita contra a pobreza destinaranse máis de 113 millóns de euros, coa meta de programar, por primeira vez, actuacións no ámbito da saúde, centradas na atención de persoas con discapacidade derivada dun trastorno mental -co fin de reducir a súa vulnerabilidade e con servizos de apoio específicos e personalizados-, empregando a novidosa figura profesional do acompañante terapéutico; e na prevención do suicidio en adolescentes, implementando accións para mellorar as contornas para a saúde mental, a través de programas de aprendizaxe social e emocional.

No eido da innovación social destinaranse preto de 15 millóns de euros para, entre outras medidas, participar na iniciativa europea ALMA, cuxo obxectivo é o de axudar á xuventude a encamiñarse cara ao mercado laboral, especialmente a aqueles que non estudan nin traballan.

Tamén se investirán máis de 112 M€ no ámbito da educación e formación para seguir impulsando programas de diversificación curricular para a loita contra o abandono escolar, novos ciclos de Formación Profesional de grao medio ou superior e a formación predoutoral; así como iniciativas de atención á diversidade e de garantía de equidade educativa, e formación para a capacitación e a inclusión dixital.

Para a garantía infantil vanse destinar máis de 35 M€ con actuacións en programas de preservación e acollemento familiar e o tratamento terapéutico de nenos e nenas e adolescentes que están no sistema de protección. As actuacións de loita contra a pobreza infantil e de garantía xuvenil teñen unha especial atención e consideración dentro dos obxectivos do novo programa.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, destacou que co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia pode apoiar a creación de emprego, mellorar o traballo e garantir oportunidades laborais máis xustas. Subliñou o impulso autonómico ao emprendemento como fórmula de éxito, especialmente o feminino, con iniciativas como o histórico programa Emega cualificado na Unión Europea como boa práctica e que será financiado este 2023 con 4 M€ do FSE. Remarcou, ademais, a aposta da comunidade pola corresponsabilidade e a conciliación, con medidas que beberán desta financiación este ano (2 M€).

Grazas a estes fondos, incidiu Lorenzana, estanse a prestar apoios para a inclusión sociolaboral de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, como as vítimas de violencia de xénero, e Galicia pode contribuír a fomentar o emprego xuvenil e a apoiar ás persoas traballadoras autónomas. Un total de 1,5 M€ axudarán a que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poña en marcha este ano dous novos programas baseados no enfoque europeo das microcredenciais, denominados Bono Talento Empresa (para a formación de persoas traballadoras ocupadas) e Bono Formación (para persoas en situación de desemprego), unha mostra máis, dixo a titular de Promoción do Emprego, de que Galicia “comparte obxectivos e camiña na mesma liña que o fai Europa”.