Lorenzana apunta á colaboración público-privada para continuar co impulso da economía social por ser un selo de identidade e calidade para Galicia

Lorenzana apunta á colaboración público-privada para continuar co impulso da economía social por ser un selo de identidade e calidade para Galicia

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe na clausura da asemblea da Economía Social Galega (Foroesgal) en Santiago de Compostela.
  • Avogou pola constitución do clúster de economía social para aproveitar sinerxías e atender de xeito innovador os novos retos.

  • Puxo en valor a II Estratexia Galega de Economía Social (2023-2026) que busca mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades para consolidar o crecemento continuo que este modelo de negocio presenta na comunidade.

  • Lembrou que os Polos de emprendemento e apoio ao emprego son espazos “de primeiro nivel” que ofrecen apoio e asesoramento.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na clausura da asemblea da Economía Social Galega (Foroesgal), unha xuntanza celebrada en Santiago de Compostela na que indicou que é “esencial” a colaboración público privada para seguir afianzando o modelo da economía social en Galicia conformado por preto de 14.000 persoas traballadoras e máis de 3.000 entidades.

A conselleira explicou que é unha fórmula empresarial que está en continuo crecemento na comunidade porque sitúa ás persoas no centro, está ligada á contorna e aposta pola igualdade e por unha maior integración laboral das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Para seguir a mellorar a competitividade e a produtividade deste modelo, Lorenzana avogou por constituír o clúster de economía social, “unha alianza coa que aproveitar sinerxías”.

Así mesmo, Lorenzana explicou que o Goberno galego enmarca as súas políticas de impulso á economía social en tres eixos: a visibilización a través da Rede Eusumo ou do programa Es-Próxima, co que se busca definir un selo de identidade para dar a coñecer este modelo; o apoio á creación e á consolidación de empresas e empregos a través de programas de axudas como son Aprol Economía Social, Es Transforma, Es Factory ou o Bono Consolida; e a promoción do emprego inclusivo con apoios económicos dirixidos ás empresas de inserción laboral e aos centros especiais de emprego.

Referiuse tamén á II Estratexia Galega de Economía Social (2023-2026) que busca mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades para consolidar o crecemento continuo que este modelo de negocio presenta na comunidade; e á nova Lei de igualdade, que está en fase de tramitación no Parlamento, que avoga polo impulso dun modelo empresarial sustentable e social para atraer e reter talento con equipos diversos. Neste senso, apuntou que as empresas con fórmulas inclusivas e diversas son as que teñen futuro e se volven máis produtivas. “É un modelo que xa o temos en Galicia coa economía social, precursora disto”, engadiu.

A titular de Promoción do Emprego, para rematar, salientou que a economía social é un selo de identidade e calidade para Galicia, que se cimenta en valores como a igualdade, a solidariedade e a resiliencia, polo que sinalou que é preciso seguir apoiándoo. Ao respecto, lembrou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta está despregar por toda a xeografía galega é un espazo conformado por titores de primeiro nivel que ofrece apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras, tamén ás que estean interesadas no modelo da economía social, durante as diferentes fases do seu proxecto empresarial.