Lorenzana avanza que o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral aumentará nun 9,6% en 2023 ata chegar aos 202,2 M€
Lorenzana avanza que o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral aumentará nun 9,6% en 2023 ata chegar aos 202,2 M€
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade destacou hoxe no Parlamento que dos 202,2 millóns un total de 104 millóns investiranse no novo Plan Galego de Formación para o Emprego
Co Plan aspírase a dar resposta ás necesidades daquelas persoas que precisan mellorar o seu nivel de formación polo que se inclúen accións para desempregados e traballadores ocupados e para incorporar ás empresas ao proceso formativo
Un dos piares da cualificación para persoas sen emprego é o procedemento de competencias clave que se mellorará con máis convocatorias e máis lugares de realización das probas libres e máis orzamento para as accións formativas destinadas a este fin
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe no Parlamento que a Xunta incrementará en 2023 o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral nun 9,6%, ata chegar aos 202,2 millóns de euros, para seguir mellorando a capacitación das mulleres e dos homes que o precisen. Trátase do 47% da contía global do presuposto da Consellería (432 millóns) para o vindeiro ano.
Lorenzana detallou que dos 202,2 millóns de euros, un total de 104 investiranse no novo Plan galego de formación para o emprego co que o Goberno galego aspira a dar resposta ás necesidades daquelas galegas e galegos que precisan mellorar o seu nivel de formación porque o que teñen non os capacita profesionalmente.
O Plan, co que se seguirá impulsando unha formación dual e flexible, adaptada ás tendencias do tecido produtivo e ao actual mercado laboral, contará cun 26,8% máis que no exercicio anterior para, en palabras da conselleira, “chegar a máis xente e con mellores programas”. É unha planificación, tal e como apuntou, “máis axustado ás necesidades do actual mercado laboral e dos galegos e das galegas que precisen reforzar a súa formación”.
O documento, que forma parte da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, inclúe accións específicas para traballadores ocupados e para persoas desempregadas, así como actuacións para incorporar ás empresas ao proceso formativo, xa que, segundo explicou a conselleira, o obxectivo é mellorar tanto a cualificación profesional dos galegos e galegas, a competitividade das empresas e o propio tecido económico de Galicia.
Competencias clave
Con respecto á formación para desempregados, Lorenzana sinalou que un dos piares o constitúe a formación en competencias clave, necesarias para que aquelas persoas que non contan coa cualificación precisa para acceder á demanda actual de traballo.
O Goberno galego convoca, en concreto, estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas (ESO para o nivel 2 e Bachiller para o nivel 3) ou ter as competencias clave necesarias.
A capacitación en competencias clave pode facerse por libre ou no marco dos cursos AFD (Accións Formativas para persoas Desempregadas). Con respecto ás probas libres, de cara a 2023 estase a deseñar un programa para aumentar o número de convocatorias, e tamén estase a estudar a ampliación dos lugares de realización dos exames en centros de formación para o emprego de titularidade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e emprazados nas catro provincias galegas. Ata o de agora, as probas celébranse unha vez ao ano en Silleda.
En canto aos cursos de competencia clave que forman parte das accións formativas para desempregados (AFD), o crédito destinado aumentará ata chegar aos 5 millóns de euros, o que supón un 45% máis de orzamento.
Lorenzana, así mesmo, expuxo na Camara galega que se porá a disposición da cidadanía de xeito totalmente gratuíto e a través do Campus Virtual, unha serie de recursos formativos en competencias clave de nivel 2 e 3 para que, quen queira, poida realizar na modalidade de autoformación a preparación das probas de competencias clave. Así mesmo, está previsto que aqueles que decidan recorrer a este modelo, dispoñan dun servizo de titoría co fin de que poidan contar cun apoio que lles axude a resolver aquelas dúbidas que lles xurdir no transcurso desta preparación .
Microformacións
En canto a outras actuacións incluídas no Plan de formación, ademais da cualificación en competencias clave para persoas sen emprego, Lorenzana especificou que en 2023 continuarase coa sinatura de convenios de colaboración cos principais clústeres galegos, para o que se reservan 3,6 millóns para a impartición de educación non formal; e desenvolveranse microformacións, accións formativas de curta duración desenvoltas polas empresas para o seu persoal e para as que se destinarán un millón de euros, entre outras. Tamén o Plan contén formación para persoas traballadoras ocupadas, ao que se destinarán 3,7 millóns de euros, e inclúe unha partida de dous millóns de euros para a creación dun centro de formación especializado en formación na Cidade das TIC da Coruña.
Así mesmo, en 2023 convocaranse novas Unidades Formativas en Empresas (UFEs) que estarán financiadas con 5,7 millóns de euros na seguinte convocatoria, unha cualificación na que as empresas son as que deseñan a propia formación para dar resposta ás demandas do mercado de traballo.
En defintiva, e, tal e como afirmou a conselleira, “temos en marcha unha estratexia para atraer a unha maior porcentaxe de persoas que carecen de formación en competencias clave” e rematou a súa intervención destacando que “este Goberno da Xunta xa conta cun Plan galego de formación para o emprego co que aspiramos a dar resposta ás necesidades daquelas galegas e galegos que precisan mellorar o seu nivel de formación e no que se incorpore ás empresas no proceso formativo para dar resposta á demanda de traballo”.