Lorenzana inaugura en Monforte de Lemos o primeiro Polo de emprendemento en Lugo que dará cobertura a nove concellos do sur da provincia
Lorenzana inaugura en Monforte de Lemos o primeiro Polo de emprendemento en Lugo que dará cobertura a nove concellos do sur da provincia
A conselleira de Promoción do Emprego anunciou que Lugo contará o ano que vén con outros tres polos: A Mariña, Lugo central e Montaña lucense
O de hoxe é o cuarto polo de Galicia, despois da posta en funcionamento do de Verín (Ourense), Silleda (Pontevedra) e Coristanco (A Coruña) que xa prestan asesoramento a 88 persoas beneficiarias que desenvolven 69 proxectos empresariais
O orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2023 máis de 18 millóns de euros á área de Emprendemento e Apoio ao Emprego
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, inaugurou hoxe o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Lugo Sur que quedará radicado en Monforte e dará servizo a nove concellos das comarcas de Chantada e Terra de Lemos. O novo centro é o primeiro que se estrea na provincia de Lugo como parte dunha rede de 12 polos que en 2023 se estenderá e dará cobertura a toda Galicia.
A conselleira lembrou que o de Lugo Sur é o cuarto polo da Rede estreada o pasado mes de xullo co de Ourense Centro e Sur (situado en Verín), e xa integrada tamén por Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda) e Costa da Morte (en Coristanco). “Hoxe damos un novo paso coa inauguración do Polo Lugo Sur, o primeiro da provincia de Lugo”, remarcou Lorenzana.
O polo Lugo Sur estará localizado en Monforte aínda que ofrecerá cobertura aos restantes oito concellos das comarcas de Chantada e Terra de Lemos: Carballedo, Chantada, Taboada, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.
Rede de seguridade para o emprego
Tal e como describiu a conselleira, a rede de polos xurdiu para ofrecer un acompañamento continuado e ser un balaústre para as persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando, converténdose nunha rede de seguridade para todas aquelas persoas que se decantan polo emprego por conta propia.
Actualmente estes centros estratéxicos ofrecen asesoramento personalizado e permanente a 88 persoas beneficiarias, axudándoas a desenvolver 69 proxectos empresariais. Ata o momento xa se realizaron ademais 286 sesións de titorizacións coas emprendedoras e emprendedores.
Os proxectos enmárcanse maioritariamente nos eidos das actividades artísticas, recreativas e de entretemento (19 %); na agricultura, gandería, silvicultura e pesca (17%) e no de industrias manufactureiras (17%).
A rede ampliarase o ano que ven e tal e como anunciou a conselleira contará con tres novos polos na provincia lucense, situados nas zonas da Mariña, Lugo Central e Montaña Lucense.
O acto de inauguración tivo como protagonistas tres proxectos empresariais alumeados na zona de Lemos con “forte arraigo co territorio do que forman parte”, subliñou Lorenzana. Tratouse da firma de galletas mariñeiras Daveiga, que a través da fórmula da economía social leva 16 anos traballando desde e para Chantada; da idea empresarial BarVANtia, que xira arredor do Camiño de Santiago e dun terceiro proxecto de carácter artesanal que, como dixo a conselleira, materializan “as innumerables oportunidades de negocio que ofrece Galicia”.
No acto de hoxe estiveron presentes os alcaldes de Monforte de Lemos, Carballedo, Chantada, Taboada, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.
Aposta polo emprendemento
A Xunta está a potenciar como nunca antes a área de Emprendemento e Apoio ao Emprego, á que este 2023 destinaranse 18,2 millóns de euros. Poranse en marcha os polos mobilizando 1,3 millóns de euros para infraestruturas, dixitalización e titorización; con axudas para apoiar as iniciativas emprendedoras que xurdan ao abeiro dos mesmos (14,9M€) e con convenios con entidades colaboradoras e universidades (1M€) para apoiar as iniciativas empresariais e afondar no seu coñecemento.
“Todo isto forma parte da nova estratexia de emprego da Xunta de Galicia, Xempre contigo, un novo enfoque co que apostamos por un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico, articulado en base á colaboración público-privada, e co que queremos mellorar as capacidades das persoas traballadoras e o benestar laboral nas organizacións”, rematou Lorenzana.