Lorenzana recibe a mención de colexiada de honor do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España

Lorenzana recibe a mención de colexiada de honor do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, foi distinguida hoxe en Madrid como Colexiada de Honor do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, un recoñecemento que lle motiva “aínda máis” a seguir impulsando unhas relacións laborais baseadas na equidade e lograr “un mellor benestar laboral e social”, segundo subliñou.

Lorenzana sinalou na súa intervención, tras recoller este recoñecemento a súa traxectoria profesional, o importe traballo que desenvolven os graduados sociais en beneficio do tecido produtivo e os valores que transmiten como son a confianza, a seguridade e a integridade. Así, agradeceu o labor que desempeñan e puxo en valor, de xeito específico, o traballo realizado por estes profesionais en Galicia durante a pandemia.

Tal e como expuxo, estiveron “en primeira liña de batalla” axudando a axilizar o desenvolvemento dos Plans de rescate que a Xunta puxo a disposición do tecido empresarial con axudas directas para asegurar a supervivencia das pequenas e medianas empresas e dos autónomos; e colaboraron para acelerar a tramitación dos Ertes dando soporte “nuns momentos de incerteza e inseguridade”.

Lorenzana, por último, destacou a “estreita colaboración” que a Xunta de Galicia mantén cos Colexios de Graduados Sociais de Galicia, unha cooperación que, segundo apuntou, está baseada na xustiza social e na igualdade.