Lorenzana referenda o compromiso da Xunta pola economía social na que investirá máis de 42M€ en 2023 para consolidar este modelo “que axuda a fixar poboación”

Lorenzana referenda o compromiso da Xunta pola economía social na que investirá máis de 42M€ en 2023 para consolidar este modelo “que axuda a fixar poboación”

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou no Parlamento de Galicia a mostra ‘Economía social: no corazón da nosa historia’ que somete a repaso a traxectoria deste modelo na comunidade

Lembrou que 10 de cada 100 euros de orzamento do seu departamento o próximo ano irán destinados a impulsar e consolidar as entidades e xerar emprego no sector


A exposición pon o broche ao ano no que Santiago de Compostela ostentou a capitalidade española da economía social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor a aposta do Goberno galego pola economía social como fórmula que “axuda a fixar poboación” e abre novas oportunidades para o emprego, no acto inaugural da exposición Economía Social: no corazón da nosa historia no Parlamento de Galicia.

A mostra pon en valor unha fórmula económica que, como reflectiu a conselleira, bebe da tradición para construír novos horizontes comunitarios e populares, con máis e mellores oportunidades. O Goberno galego cre en que investir en economía social é sumar colaboradores, crear rede e tecido asociativo, e multiplicar beneficios que redundan no noso territorio e na xente.

En 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reforzará a súa aposta por este modelo mobilizando máis de 42 millóns de euros: 10 de cada 100 euros do orzamento deste departamento recaerá neste sector. O obxectivo, tal e como adiantou Lorenzana, consiste en desenvolver actividades económicas e empresariais que permitan a consolidación dunha sociedade e dunha economía diferentes,  na que se poidan xerar e compartir ideas, iniciativas e proxectos que poñan por diante ás persoas.

“As entidades de economía social tendes o valor de que non deslocalizades o emprego, isto aporta moitísimo en canto a fixar poboación, en canto ao reto demográfico que temos por diante, especialmente nunca comunidade autónoma moi vinculada ao rural e ao mar”, destacou a conselleira.

A economía social está integrada polas cooperativas, as empresas de inserción, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e unha amalgama de fórmulas baseadas en valores que, segundo afirmou Lorenzana, representan á comunidade galega.

A conselleira definiu a mostra hoxe inaugurada como unha viaxe pola historia da economía social, que ten como piares fundamentais os valores e as persoas.  

A inauguración da mostra puxo  broche a un ano no que Santiago de Compostela foi capital española da economía social para ensinarlle ao mundo por que as galegas e os galegos encarnan á perfección eses valores que promove a economía social e que pasan por poñer no centro á persoa, pola cohesión social, a proximidade e o sentimento de comunidade.