Lorenzana salienta en Ourense que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego xa está a impulsar proxectos innovadores co asesoramento a 90 persoas

Lorenzana salienta en Ourense que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego xa está a impulsar proxectos innovadores co asesoramento a 90 persoas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega dos XI Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense

Avanzou que os polos en activo, entre os que se atopa o de Verín, están a apoiar o desenvolvemento de 69 proxectos a través de 286 sesións de titorización

A Xunta apoiará en 2023 con Impacto Autónomo a 25.000 persoas traballadoras autónomas con axudas medias de 1.200 euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe en Ourense, na entrega dos XI Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta xa está a impulsar en Galicia proxectos innovadores e xeradores de emprego de calidade. Lembrou que esta Rede, precisamente, botou a andar na provincia ourensá co polo ubicado en Verín, e, na actualidade, está conformada tamén polos polos de Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda), o da Costa da Morte (en Coristanco) e o de Lugo Sur (en Monforte), que se inaugurou onte mesmo. E en breve, -apuntou- está prevista a apertura do polo do Arco Ártabro (en Ferrol).

Trátase, en palabras de Lorenzana, dun proxecto que a día de hoxe está a ofrecer asesoramento personalizado a preto de 90 persoas; axuda a desenvolver 69 proxectos empresariais; e leva realizadas 286 sesións de titorización con emprendedoras e emprendedores.

A iniciativa forma parte da Dirección Xeral específica de Emprendemento e Apoio ao Emprego creada para impulsar esta rede, unha área que conta para 2023 cun orzamento de 18,2 millóns de euros para “apuntalar” a Rede que sumará en total 12 oficinas de asesoramento distribuídas por toda a xeografía galega.

A conselleira explicou que con estes espazos, como o emprazado en Verín, a Xunta pretende casar a xestión da procura do emprego coa realidade social e xeográfica; dinamizar o mercado de traballo, procurando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; fixar poboación e rachar coas barreiras que separan empresarios e traballadores.

Na súa intervención no acto, no que Lorenzana estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, tamén destacou o novo programa da Xunta Impacto autónomo, que se activará o próximo ano, e co que se apoiará este sector do traballo por conta propia, con achegas directas medias de 1.200 euros para compensar os negocios afectados pola actual conxuntura. Con estes apoios, prevese axudar a unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas a facer fronte e minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade.

Lorenzana indicou que a aposta polo emprendemento, así como a modernización do Servizo de Emprego de Galicia, como o impulso da formación para o emprego das galegas e galegos, a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, forma parte de Xempre Contigo, a nova estratexia autonómica en materia de emprego. É unha planificación global que, segundo a titular de Promoción do Emprego, permitirá seguir avanzando na senda do crecemento e na creación de emprego de calidade, a través dun mercado laboral “máis interconectado, formado e dinámico, baseado na colaboración público-privada e na mellora das capacidades das persoas traballadoras”.

A conselleira, para rematar, agradeceu o labor das asociacións que traballan a favor do crecemento económico de Galicia, como é o caso de Aje Ourense, destacando que os premios que hoxe se entregaron se asentan sobre dous piares fundamentais: o emprendemento e a creación de emprego.

Tras felicitar aos galardoados, sinalou que a Xunta “sempre” apoiará a aqueles emprendedores que  traballan pola mellora da empregabilidade e a xeración dun emprego de calidade en Galicia.