Lorenzana sinala que preto dun terzo do orzamento da área de Emprego para 2023 destínase á Economía Social

Lorenzana sinala que preto dun terzo do orzamento da área de Emprego para 2023 destínase á Economía Social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade destacou hoxe os valores que promove este modelo de negocio na presentación do Informe economía social en Galicia 2021 elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos coa colaboración das universidades e co apoio da Xunta

Sinalou que a Xunta investirá en 2023 un total de 42 millóns de euros, un 20,8% máis que en 2022, para promover e visibilizar a economía social

O estudo constata que 2021 foi o ano de maior inscrición de sociedades cooperativas de toda a serie histórica, mantendo unha tendencia á alza constante desde 2017
 

A titular de Promoción do Emprego pon en valor a inclusión da perspectiva de xénero nas fórmulas da economía social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta pola economía social que en 2023 contará cun orzamento total de 42 millóns de euros (+20,87% con respecto a 2022), o que supón que case un terzo de investimento destinado á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (27 de cada 100 euros) irá destinado a este fin. Así o constatou Lorenzana en Santiago de Compostela, na presentación do Informe economía social en Galicia 2021, elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop) co apoio da Xunta.

 

En palabras de Lorenzana, a economía social é “sumar e multiplicar”, polo que apuntou que a Administración autonómica seguirá impulsando de cara a 2023 programas para visibilizar esta fórmula empresarial a través da Rede Eusumo ou Es-Próxima; para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego a través de Aprol Economía Social, Es-Transforma ou Es-Factory e o Bono Consolida; e para promover o emprego inclusivo coas axudas para a creación e mantemento de emprego e empresas de inserción e centros especiais de emprego. Tamén, segundo detallou, a través do programa de formación dual para as persoas con discapacidade intelectual ou con problemas de saúde mental.

 

Lorenzana, así mesmo, indicou que a Xunta está a ultimar a nova Estratexia galega da economía social e salientou que a Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego da Xunta potencia tamén a economía social como unha “fórmula de éxito” para emprender.

 

A conselleira, ademais de poñer en valor os orzamentos da Xunta destinados á economía social para 2023, sinalou a importancia de seguir elaborando estudos como o que se presentou hoxe, que vai en liña cun dos obxectivos clave do Plan de acción europeo da economía social, o cal establece a necesidade de aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas axeitadas. “É importante a realización deste tipo de informes para ampliar o coñecemento sobre este modelo empresarial que contribúe á cohesión social e do territorio, pon o foco nas persoas e se basea na xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario”, resaltou. Así mesmo, afirmou que estes estudos permiten coñecer máis sobre a situación do sector para adoptar medidas orientadadas a consolidalo e ampliar os seu nichos de mercado.

 

A economía social, tal e como tamén indicou Lorenzana, engloba diversas fórmulas como son as sociedades cooperativas galegas, as sociedades laborais, as empresas de inserción ou os centros especiais de emprego, “un abano de oportunidades para estudar, aprender e emprender”.  

As cooperativas

Con respecto ás sociedades cooperativas, o Informe economía social en Galicia 2021 constata que con 135 cooperativas novas, o 2021 convértese, con 1.145 cooperativas activas, no ano de maior inscrición deste tipo de entidades de toda a serie histórica, mantendo unha tendencia á alza constante desde 2017. Lorenzana salientou, ademais, que esta fórmula avanza cara a igualdade, xa que o 51% das persoas socias fundadoras das cooperativas constituídas en 2021 foron mulleres.

 

O estudo tamén reflicte que as sociedades laborais aumentaron en 2021 constituíndose un total de 28 (seis maís que no ano anterior) ata chegar ás 656 activas; o número de empresas de inserción mantívose en 13 con máis persoas contratadas (pasando de 87 no 2019 ata as 182 no 2021); e a cifra de centros especiais de emprego incrementouse en seis máis que en 2020, chegando a 117, dos que 58 pertencen á economía social.

 

 

A conselleira, ao abeiro dos datos que recolle o informe, puxo en valor tamén a inclusión e crecemento da perspectiva de xénero nas principais fórmulas que engloba a economá social. En total, este modelo empresarial en Galicia está conformado por preto de 14.000 persoas traballadoras nas máis de 3.000 entidades que operan neste segmento da economía, representando o 7% do PIB, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros. A conselleira, ademais de poñer en valor os datos cuantitativos, destacou tamén os principios que conxuga: solidariedade, igualdade e resiliencia.